O Parlamento aprobará as 2 leis impulsadas polo BNG que sitúan a Galiza á vangarda en igualdade e na loita contra a violencia machista
O próximo pleno dará luz verde ás leis Ángeles Alvariño, de igualdade na ciencia e a investigación, e de violencia vicaria, norma de importante carácter retroactivo
A iniciativa do BNG, Olalla Rodil avanza o traballo de todas as forzas para acordar unha declaración institucional de rexeitamento ao asasinato de Samuel Luiz
O Parlamento galego aprobará definitivamente no seu próximo pleno a lei Ángeles Alvariño, de igualdade no ámbito científico e investigador, e a lei de violencia vicaria, que recoñece esta como forma de violencia machista con carácter retroactivo, dúas normas impulsadas polo BNG e coas que Galiza se sitúa “á vangarda en materia de igualdade e de loita contra a violencia machista porque ámbolos dous textos son tremendamente avanzados”.
Así o asegurou a viceportavoz nacionalista, Olalla Rodil, en rolda de prensa posterior á xunta de portavoces, na que explicou que a lei Ángeles Alvariño introduce mecanismos correctores nas convocatorias de I+D+i en Galiza para acabar coa situación de discriminación que sofren as mulleres cando deciden ser nais véndose penalizadas na súa carreira investigadora.
“Non hai ningunha outra lei en ningún territorio do Estado, tampouco ningunha lei estatal nin da UE que recolla a obriga de introducir mecanismos que permitan compensar os tempos de inactividade por razón de maternidade, paternidade, adopción, acollemento ou violencia machista garantindo así a igualdade de oportunidades”, salientou para resumir a continuación: “de maneira sintética, que ningunha muller teña que elixir entre ser nai ou científica”.
Rodil indicou que coa lei de violencia vicaria “tamén damos un enorme paso adiante como país e facemos xustiza coas mulleres ás que lles asasinaron as fillas e fillos pero tamén algunha persoa próxima a elas para danalas” e recalcou o seu carácter “retroactivo”, que posibilitará “que poderán defender os seus dereitos aquelas mulleres que sufriran esta forma de violencia machista tan atroz”.
A viceportavoz parlamentaria do BNG destacou que ámbolos dous novos textos legais foron tramitados cun amplo consenso, enriquecidos durante o proceso de tramitación parlamentaria e serán aprobadas por unanimidade, o que, segundo subliñou, “nos debe facer sentir tremendamente orgullosas como galegas e como galegos porque facemos deste país un país máis xusto, máis democrático e máis equitativo”.
Neste sentido, salientou o carácter tolerante e solidario do pobo galego, “respectuoso e profundamente democrático, que saber facer fronte ao odio e á violencia colectiva”, en alusión á forte mobilización social logo do asasinato na Coruña de Samuel Luiz. Rodil apelou a este mesmo talante -“nas rúas, pero tamén nas institucións”, incidiu- para anunciar que o BNG vén de trasladar aos demais grupos parlamentarios unha proposta de declaración institucional de rexeitamento ao asasinato de Samuel e, en xeral, a calquera forma de violencia ou manifestación de odio por razón de orientación sexual ou identidade de xénero.
“A LGBTfobia non ten cabida na sociedade galega e cremos importante que o Parlamento de Galiza se sume á voz expresada onte por milleiros de persoas en todo o país”, afirmou, para confirmar a continuación que todas as forzas políticas da cámara acordaron traballar nun texto conxuntamente.
A deputada nacionalista tamén avanzou que a pregunta ao presidente da Xunta deste próximo pleno parlamentar estará centrada nas medidas que ten previsto adoptar o Goberno galego para garantir un futuro digno á mocidade, á que definiu como “a xeración das dúas crises” e da que asegurou, por primeira vez, “vive e vivirá en peores condicións que as dos seus pais”. “Algo que di ata o Banco de España -alertou- que non é precisamente un organismo marxista e que advirte do empeoramento das condicións de vida da mocidade pola precariedade salarial e o incremento da temporalidade”.
“Galiza non pode permitirse que unha xeración máis, probablemente a mellor formada da historia, marche como marcharon os nosos avós e os nosos pais”, concluíu.