O Parlamento apoia a proposta do BNG de habilitar axudas aos afectados polo parón no marisqueo tras o sinistro do Blue Star
Prado: “non sería xusto que o custe do accidente recaese nas costas do sector que non puido faenar xusto en vésperas da tempada do Nadal”
PP e PSOE vetan pedir a transferencia de salvamento e loita contra a contaminación marítima en Galiza
O BNG logrou o apoio dos grupos da Cámara a súa proposta de habilitar axudas para garantir as rendas dos afectados polo parón no marisqueo imposto na Ría de Ares tras o accidente do Blue Star, o que impediu saír a captura de especies de moito valor en plena campaña do Nadal como o percebe, a nécora ou a centola.
“Que se poñan en marcha liñas de axudas para compensar rendas porque nesta época están abertas as capturas de percebe, ourizo e para a frota de baixura, crustáceos como a centola e a nécora, como ven todas elas de gran valor comercial e todo podemos entender o valor destes produtos nesta época. Diante desta situación é de xustiza que non sexa o sector do mar o que pague as consecuencias”, explicou a portavoz parlamentaria de Pesca, Montse Prado durante a defensa da iniciativa en pleno.
Igualmente, a deputada nacionalista logrou o apoio da Cámara a súa reclamación ao Goberno galego para que presente un informe detallado do accidente do quimiqueiro, desde o seu inicio até o momento actual no que conste, cando menos, as razóns que levaron ao buque a fondear na Ría de Ares pese a haber alerta amarela, que monotorizou os movementos do barco ou que medidas se adoptaron e en que momento.
A iniciativa tamén inclúe informar sobre a relación institucional que mantivo o goberno español co goberno da Xunta, “se houbo unha relación de colaboración ou de supeditación e ninguneo por parte do Executivo central”, por iso, alegou, “é importante coñecer cal foi a participación do Goberno galego na toma de decisións”.
O Bloque tamén recibiu o respaldo para reclamar que a Xunta manteña informado de xeito permanente ao sector pesqueiro e marisqueiro eventualmente afectado, en particular as confrarías como Ares, Pontedeume, Miño, Sada, Lorbé. Tamén, poñer en marcha todas as medidas para garantir a protección do ecosistema mariño e a actividade produtiva pesqueira e marisqueira da ría de Ares.
Ademais, houbo luz verde á proposta nacionalista de dotar de medios, sistemas e protocolos de control para enfrontar calquera incidente ou accidente mariño na ría de Ares, na súa condición de zona de servizo ou fondeadoiro do portos de Ferrol e A Coruña.
Sen embargo, PP e PSOE coincidiron á hora de vetar a proposta do Bloque de demandar do Goberno do Estado a transferencia das competencias exclusivas en materia de salvamento marítimo e loita contra a contaminación marítima no ámbito de Galiza, “unha negativa que os retrata”, criticou Prado.