A parálise do novo hospital vigués é exemplo do fracaso do financiamento privado
O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, salientou que a utilización de financiamento privado en un grave erro, tal e como se pode comprobar coa parálise das obras do novo hospital de Vigo. O líder nacionalista así o manifestou durante o acto reivindicativo celebrado esta tarde en Vigo e convocado pola plataforma SOS Sanidade Pública.
Desde o BNG quero expresar o apoio á mobilización da plataforma porque compartimos un modelo de sanidade ao servizo da cidadía, e unha sanidade pública financiada con recursos públicos, explicou Vence no transcurso do acto, no que ademais da deputada nacionalista Carme Adán e a portavoz municipal Iolanda Veloso, participaron os responsables local e comarcal do Bloque vigués.
Para o portavoz nacionalista, a obra paralizada do novo hospital de Vigo é modelo do fracaso do financiamento privado. Pero para Xavier Vence, ademais de grave erro, é irresponsable perseverar neste erro.
Segundo manifestou na súa intervención, a cidadanía de Vigo non se merece esta tomadura de pelo, xa que ademais de recortes no proxecto orixinal a demora terá moitos custes para o erario público.
Encarecemento da sanidade
Neste sentido, Xavier Vence denunciou que o financiamento privado da sanidade fai unha sanidade máis cara que a financiada de xeito público. Criticou que se trata dun erro de consecuencias enormes, xa que considerou que se o erro continúa só conduce a unha obra cara e que vai custar máis que se se fixera con recursos públicos ao ter que pagar o sobrecusto.
Fronte a esta situación salientou a participación no acto de todos os que defendemos a sanidade pública, en referencia á participación dos líderes de AGE e PsdeG, ao tempo que reiterou o apoio do Bloque ás mobilizacións que convoque a plataforma SOS Sanidade Pública.