Paixón, ideas, alternativas

A Convención desbaldiu paixón, ideas, alternativas. Aí o BNG non reparou en medios: empregou todas as súas enerxías para mostrar que si hai alternativa e que en Bloque podemos!

Miguel Anxo Fernández Lores, membro da Executiva e alcalde de Pontevedra

Lores foi contundente: “Hai escasas diferenzas entre o Partido popular e o PSOE é o peor é que Galiza está nunha situación límite e de auténtica emerxencia nacional”.

O alcalde de Pontevedra asegurou que non é momento de “nostalxias paralizantes nin de mirar para a trás”, parafraseando a Castelao animou aos presentes a non esperar que veña de fóra “ o remedio ou a esperanza” porque son tempos de xenerosidade, compromiso e mobilización, dixo, “en Bloque podemos, viva Galiza”.

Ana Miranda, eurodeputada

Ana Miranda afirmou que “o BNG defende a quen padece a crise e non a quen a provoca”. Nos vindeiros meses, engadiu, saberemos as novas regras de xogo para o sector naval, agrario e pesqueiro e coñeceremos o financiamento que recibirá Galiza dos fondos de cohesión europeos, “o BNG terá entón a oportunidade de facer propostas positivas en defensa do noso país ante a inoperancia e falta de responsabilidade do Goberno da Xunta”.

Miranda rematou a súa intervención afirmando que só o BNG “defende o saneamento das nosas rías, un trato diferencial para a pesca e o marisqueo e un discurso coherente para o sector naval, aquí, en Madrid e en Bruxelas”.

Rafa Villar, membro da Executiva e concelleiro en Santiago

Rafa Villar comezou a súa alocución co lema do BNG, “en Bloque Podemos” porque en Bloque, dixo, “somos quen de gañar vontades, de conquistar o futuro e a soberanía nacional”.

Villar non escatimou críticas á Reforma Laboral que “socava dereitos e nos condena a máis desemprego”, e defendeu as mobilizacións sociais contra os ataques á educación polas “nocivas políticas de recortes do Partido Popular”.

Sandra González, membro da Executiva e alcaldesa de Tomiño

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, emocionada tras escoitar os compases da Treboada de Tomiño que encheron o Pazo de Congresos, principiou asegurando que levamos tres anos sufrindo o desgoberno do Partido Popular, “foron tres anos do desemprego, desfeitas de conquistas sociais, desmantelamento das caixas e destrución do naval”.

En resumen, dixo, se preguntamos á xente que fixo Feijoo estes anos diríamos que non fixo nada, “desfixo”, concluíu.

Iria Aboi, secretaria xeral de Galiza Nova

A mocidade do BNG asistente á Convención Nacional agardaba pola secretaria xeral de Galiza Nova que ao igual que os seus antecesores comezou cun enérxico “En Bloque Podemos”.

Aboi denunciou que o PP e PSOE comparten un deseño de Estado español e Unión Europa que “nos afoga” con políticas que recortan os dereitos e condenan sen futuro á mocidade galega.

Iría Aboi criticou que o conselleiro de Educación reducise a “mera pataleta” a mobilización estudantil recentemente celebrada en Galiza, “temos forza para loitar polo dereito a decidir, pola soberanía e para seguir loitando polo dereito ao traballo e ao ensino.”

Carlos Aymerich, membro da Executiva e deputado no Parlamento galego

Carlos Aymerich defendeu o traballo colectivo para derrotar ao Partido Popular, “se traballamos arreo, xuntos e en bloque podemos conseguilo”.

Aymerich utilizou a cita de Fausto, “o barco do pobo sai triunfante se o povo for sempre o seu comandante” e afirmou que “avante toda co barco do BNG, en bloque e con Francisco Jorquera podemos”.

Xavier Vence, membro do Consello Nacional

Xavier Vence afirmou que “Galiza ten recursos e talento, non podemos resignarnos como fai o PP a prolongar a recesión e o paro para que este século sexa outro de emigración e deslocalización de empresas”.

Apostou “por outro goberno” e un sistema financeiro afastado da especulación, por unha “banca pública galega como a dos países avanzados do mundo” e rematou recordándolle a Feijóo que a banca pública tamén existe en Occidente: en Alemaña, Franza, Noruega, Suíza porque “quen ten banca pública, ten industria".

Ana Pontón, membro da Executiva e portavoz do grupo parlamentar

A portavoz do grupo parlamentar convidou ás e aos presentes a “parar a este Goberno galego antes de que arrase este país”.

Pontón defendeu que hai que deixar atrás as políticas neoliberais e foi moi contundente ao asegurar que o que vivemos non é unha crise, senón unha "estafa social" e un "golpe de Estado contra a democracia e as maiorías sociais".

[gallery link="file" columns="4"]