Os orzamentos de Industria son irreais, carecen de rigor e afondan na crise
Carme Adán: "Ulo o contrato con Pemex, ulo o dique flotante, a Lei de Emprendemento e a estratexia económica do PP para saír da crise e xerar emprego?"
O IGAPE é un zombi que se arrastra pola economía galega, deste xeito referiuse a parlamentaria do BNG, Carme Adán as previsións da Consellería de Economía e Industria para o Instituto Galego de Promoción Económica.
Tras a intervención do titular de Industria, Adán alertou duns orzamentos carentes de realismo, rigor e prudencia e ironizou sobre a exposición de Francisco Conde que comparou co exercicio evanxélico da multiplicación dos peixes e os pans.
O PP volve a castigarnos cunhas contas "irreais e inxustas para a sociedade galega"
Teremos que facer un esforzo teolóxico para ver sen crer,afirmou, ante a falta de datos aportados polo conselleiro. Estes orzamentos son os da débeda e hipotecan o futuro de Galiza multiplicando a débeda e recortando o gasto non financeiro.
Non vemos por ningún lado a estratexia económica do Goberno galego para saír da crise porque dende o ano 2009 decreceron os programas de dinamización industrial nun 38 por cento, perdéronse 50.000 empregos na industria e a súa consellería reduciu ás partidas para comercio un 55 por cento, sector ademais, no que segundo os últimos datos perdéronse 43.000 empregos e pecharon 17.000 locais.
A deputada tamén se referiu a diminución de programas en desenvolvemento empresarial, modernización e competitividade nun 45 por cento. As últimas estatísticas reflicten, afirmou, unha caída da facturación industrial en Galiza no mes de agosto do 8,6 por cento e dos prezos industriais en setembro do 0,4 fronte ao 0,2 no Estado.
Adán afirmou que dende o 2009 ata o ano 2012 en Galiza pecharon 8.800 empresas a pesar das afirmacións contrarias da consellería de Industria, non nos debuxe unha Galiza irreal porque a real é que pecha comercios todos os días, aplica EREs nas empresas e precariza o emprego.
O PP decidiu rematar co IGAPE definitivamente
Sobre esta cuestión, a nacionalista manifestou a intención do Goberno de Feijóo de acabar co Instituto Galego de Promoción económica IGAPE, converténdoo nun instituto minguante ou ben nun zombi que se arrastra pola economía galega, un ente que non está vivo, tampouco está morto de todo pero non ten as funcións para o que foi creado.
Asemade lembrou que as partidas económicas do IGAPE redúcense un 38 por cento ao que sumou a venda de Novagalicia Banco, estas dúas decisións, dixo colocan a Galiza nunha situación económica fora do camiño da recuperación.
Baile de millóns para a Lei de Emprendemento
Feijóo anunciou na Cámara galega a consignación de 50 millóns de euros , vostede fala de 11 e eu atopei catro, díganos cal é a cantidade real que van a destinar a esta lei.
Vostedes pretenden facer nada con nada e hoxe volveu a demostralo buscando exclusivamente o titular de mañá porque non van a impulsar a innovación nin impedir que os nosos investigadores/as segan emigrando, cal vai ser o apoio ás empresas galegas e as persoas emprendedoras interpelou a nacionalista.
Para a parlamentaria, esta distorsión tamén se produce nos sectores do naval, automoción, agroalimentario e comercio ao non aparecer reflectidas partidas consignadas con anterioridade.
Abandono do Sector naval
Na comparecencia do ano pasado lembrou, vostede afirmou que a construción dos centros de reparación de Vigo e Ferrol estaban incluídos nun capitulo 7 en axudas ao investimento empresarial a empresas privadas con 14 millóns de euros e 8 millóns do IGAPE para o sector naval, queremos que nos concrete que vai pasar este ano para o naval coa consignación de tres millóns de euros. Que vai pasar co dique flotante? será outra ficción contable?, preguntou.
Os contratos con PEMEX, sine die
Adán concluíu a súa intervención preguntado cal é a situación real dos contratos con PEMEX tendo en conta que o ano pasado era unha aposta firme do naval segundo o propio conselleiro, a través dun contrato xa firmado con visto e prace da avogacía do Estado, de Navantia, da Sepi e polo tanto o visto e prace do Goberno de España.
Ulo o contrato con Pemex, ulo o dique flotante, a Lei de Emprendemento e a estratexia económica do PP para saír da crise e xerar emprego? rematou.