Os orzamentos da Xunta para 2013 son a renuncia de Feijoó a tirar do País
Carlos Aymerich explica que hai dous modelos posíbeis, o de Amancio Ortega donando 20ME a Cáritas ou o dese mesmo empresario tendo que pagar os impostos que lle corresponden por Patrimonio e por ingresos, nós defendemos este último
Aymerich lamentou que a conselleira de Facenda acudira á Cámara a facer unha comparecencia como contábel, como mala contábel, ademais e explicou que se quixese podería introducir mudanzas nas contas, mais non quere porque se trata duns orzamentos ideolóxicos, que serven aos intereses que serven.
Por iso non queren utilizar engadiu- a escasa marxe de actuación tributaria coa que contan, por fidelidade de clase, que, de novo, coincide coa fidelidade de Madrid.
Exemplo de Amancio Ortega
Para o portavoz de economía do BNG existen dous modelos posíbeis de abordar as contas públicas, que exemplificou co caso de Amancio Ortega. Existe a opción na que o empresario dona 20 millóns de euros a Cáritas, que todos agradecemos, ou aquela na que paga os impostos que lle corresponden por patrimonio e ingresos, que é a que preferimos no BNG.
Aymerich insistiu en que a conselleira non pode falar de orzamentos sociais nin de austeridade cando, por exemplo, os orzamentos en Facenda suben mentres en Traballo e Benestar descenden en 170 millóns de euros, de austeridade selectiva debería falar mellor vostede.
Vostedes fan trapelas para cadrar o défice, como xa denunciou o Consello de Contas, deixando facturas para seguintes exercicios ou fechando antes o orzamento
Malia que nestas contas o goberno é máis cauto que en 2012, continuou o deputado do BNG, as previsións seguen sendo optimistas de máis, pois falan dun crecemento das exportacións dun 4,2 por cento e da melloría da formación bruta de capital sen aclarararnos de onde tiran ese dado.
Trapelas co défice
Segundo o parlamentar, alén de ser uns orzamentos continuistas dunhas políticas que até o propio FMI está sinalando como contraproducentes, son tramposos, pois fan trapelas para cumprir o défice, como as que xa denunciou o Consello de Contas de deixar facturas para os seguintes exercicios, fechar o orzamento en Setembro ou, no caso do Sergas, en Xuño.
Á vista destas contas concluiu- non hai cambio de estratexia, todo se sigue suborndinando a unha política curtopracista de recorte do gasto social, que é o que máis se recorta: 489 millóns de euros; non hai aposta polos crecimento e non hai estratexia para combater o paro, si resignación para chegar a unha taxa do 21 por cento en 2013 e recortar nun 40 por cento as políticas activas de emprego.
Aymerich insistiu en que hai marxe, limitada pero hai marxe, como incrementar o tramo autonómico de IRPF e tocar os impostos de patrimonio e de sucesións.
Ademais, para que esa marxe sexa maior, cómpre mudar o sistema de financiamento, no canto de utilizar a Galiza como ariete contra Cataluña o goberno galego debería estudar xa novos cenarios e novos marcos, sabendo que o sistema vai ser revisado e que, gosten ou non, esta revisión vai ir na liña dunha maior responsabilidade fiscal.