Os Orzamentos de 2018 destinan 0 € a reducir as listas de espera e non solucionan os problemas da sanidade
Prado critica unhas contas “continuistas” que afondan na privatización e volven deixar a atención primaria como gran esquecida
A portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado, lamentou que, un ano máis, os orzamentos non dean resposta aos problemas da sanidade pública: listas de espera, insuficiencia de persoal, precariedade laboral, recortes e privatización progresiva.
“Continuistas”, sintetizou Prado, para quen “os números” que presenta a Consellería de Sanidade para 2018 evidencian que desmantelan a sanidade pública mentres fortalecen a privada. Así, apenas 8M€ para a construción de centros de saúde, cero euros para rebaixar as listas de espera, “o que fai o imposible cumprir os prazos de 60 días para intervención cirúrxica e de 45 días consultas e probas diagnósticas”, explicou.
Neste sentido, Prado chamou a atención sobre as persoa doentes que non son prioridade 1 ou 2.
“Que pasa con eses doentes que poden ter unha hernia e que esperan un mes e outro e outro, a súa calidade de vida empeora, as súas expectativas de saúde empeoran? E se é unha persoa laboralmente activa e leva de baixa meses?”, interpelou ao conselleiro de Sanidade no debate das contas deste departamento. “Agardan meses ou derívannos a privada, e senón aceptan sácanos da lista de espera”, concluíu.
A saúde mental segue a ser a “gran ausente” dos orzamentos, cero euros para dotar o anunciado plan de prevención do suicidio, ao igual que a “prioridade verbal, pero sen recursos” da atención ás drogodependencias e aos afectados polo VIH. En materia de persoal, non hai incremento do cadro de persoal, nin se acaba coa precariedade laboral, nin hai cobertura do 100% das vacantes pese a que se suprimiron 2.000 profesionais do sistema sanitario público.
Prado tamén criticou que a atención primaria volver ser esquecida, “orzamento tras orzamento medra a metade que a especializada, con escasos recursos para infraestruturas e sen aumento de persoal”. En definitiva, concluíu a deputada, “uns orzamentos que non serven para solucionar os problemas sanitarios que teñen os e as galegas”.