A oposición planta a comisión de Sanidade ante a negativa do PP a que compareza Rocio Mosquera
O BNG tacha de nova burla do PP enviar a unha directora xeral a explicar o ascenso do marido de Rocio Mosquera, agora anulado polo TSXG.
A deputada Montse Prado lembrou que o PP, facendo uso da súa maioría impediu que comparecera Rocio Mosquera en sesión plenaria e matizou que o plante na comsión de Sanidade non era contra a directora de Recursos Humanos do SERGAS, "é contra o proceder do Partido popular".
A oposición planta a Comisión de Sanidade á que acudiu a directora xeral de Recursos Humanos do SERGAS, por iniciativa da Xunta, para informar do proceso na que foi concedida a xefatura do Servizo de Cirurxía do CHUS ao marido da actual conselleira de Sanidade, Rocio Mosquera, Xerente do SERGAS naquel momento, e que agora vén de ser anulada polo TSXG por desvío de poder.
Montse Prado cualificou de nova burla do Partido popular enviar a unha directora xeral, sen vinculación no proceso, par dar explicacións do acontecido no ano 2010 polo que solicitou unha cuestión de orde para manifestar a súa protesta.Tras pedir a palabra e abandonando a comisión neste punto e incorporandose ao debate das proposicións non de lei previstas na orde do día.
A nacionalista reiterou o seu malestar e afirmou que o PP segue ríndose de todos os galegos e galegas. Utiliza a súa maioría absoluta, dixo, para vetar as comparecencias do Presidente da Xunta e da Conselleira de Sanidade e no canto de dar explicacións sobre un proceso, a todas luces, irregular, o PP volve a burlarse do Parlamento e da cidadanía enviando a unha directora xeral para cubrir o expediente.
A deputada lembrou que o BNG e o resto dos grupos da oposición pediron na Xunta de Portavoces a comparecencia da conselleira de sanidade no Parlamento galego para explicar o nomeamento do seu marido, solicitude que o PP rexeitou.
A parlamentaria tamén denunciou que mentres o Partido popular segue coa política de privatización da sanidade pública que prexudica gravemente a todas as persoas, non ten ningún escrúpulo a hora de crear unha praza ad hoc para o marido da conselleira ou beneficiar a empresas amigas a través da privatización sanitaria.