Oposición do BNG á Lei de Hidrocarburos por impulsar o fracking e obviar intervir nas gasolinas
Neste sentido, Rosana Pérez acusou ao Goberno de facer unha lei co único obxectivo de facilitar o impulso do fracking ou fractura hidráulica e as prospecións de gas e petróleo.
O Goberno sáltase todos os Informes
A deputada do BNG reprochou a Soria que tiraran á papeleira a Memoria 2014 da Defensora do Pobo no que se recomenda avaliar os riscos para a saúde que conlevan estas prácticas e reprochoulle asemade que fixese abstración do Informe do Instituto Xeolóxico e Mineiro sobre os riscos do fracking.
Un informe que contén as recomendacións ambientais en relación ás medidas preventivas e correctoras a considerar en proxectos relacionados coa explotación de hidrocarburos mediante o fracking, que foi rexeitado de raiz polas empresas que presionan ao Goberno, sinalou Rosana Pérez.
A deputada do BNG foi moi crítica co Goberno por se alinear coas empresas hidráulicas e ocultar os riscos da fractura hidráulica sobre o medio pola realización de perforacións profundas, inxeción de auga e aditivos, contaminación de augas, emisión de contaminantes á atmósfera e na sismicidade inducida. Rosana Pérez cualificou esta censura como inadmisíbel e vergoñenta por parte do Goberno que so busca protexer e beneficiar os intereses especulativos privados a costa do interese xeral.
Cederon ás presións das empresas
A parlamentar nacionalista considera que o Goberno cedeu ás presións das empresas. E afirmou que a chantaxe das empresas apóiase en supostos investimentos multimillonarios e na criación de postos de traballo que rara vez se materializan.
Rosana Pérez puxo de manifesto as experiencias xa vividas en países como EE.UU, Suráfrica ou Canadá onde se utiliza o fracking desde hai anos. Lugares onde se evidenciaron numerosos casos de sismicidade inducida polos pozos da fractura hidráulica, de contaminación de pozos e manantiais ou de vertidos á atmósfera de contaminantes canceríxenos.
Acusou ao Goberno de acalar as consecuencias e para elo non dubidan en estabelecer un novo Imposto sobre o Valor da Extración de Gas, Petróleo e Condensados que beneficiaría ás CC.AA e aos concellos, pero que só se estabelece sobre a produción de hidrocarburos. Neste sentido, a deputada do BNG censurou a intromisión do Goberno central nas lexislacións e competencias autónomicas, outra demostración do exacerbado centralismo.
Outra das críticas do BNG referiuse á situación dos combustíbeis. Non existe nin unha soa liña no sentido de intervir no mercado das gasolinas e introducir medidas que modifiquen a situación de oligopolio das petroleiras no mercado actual e na dinámica de pactos de prezos entre elas. Aludiu á recente situación xerada coa baixada do prezo do barril de petróleo e a pouca trascendencia que isto tivo nos prezos dos combustíbeis. Ceden sempre ante os intereses das grandes compañías.
Concluiu a deputada nacionalista sinalando que o proxecto de lei perpetúa un modelo enerxético insostíbel, centrado nas enerxías fóseis e no grande negocio que exercen no sector as multinacionais do petróleo e o gas. Un modelo que non incentiva as enerxías renovábeis, centraliza as competencias e impide ás CC.AA deseñar o seu propio modelo enerxético.