Olalla Rodil: “A Xunta destina 3 millóns de euros para o festival “Son do Camiño” e 200 mil para o resto”
A nacionalista denuncia falta de transparencia no contrato do Festival “Son do Camiño” e reclamou os pregos da contratación
A deputada do BNG, Olalla Rodil preguntou hoxe ao goberno polo patrocinio contratado pola Axencia Galega de Turismo cunha Unión Temporal de Empresas, “sen concurso público e sen publicidade”, para financiar con 3 Millóns de euros un macrofestival de 3 días e 6 concertos en 2018 no marco do Xacobeo 2021. Ante a evidente falta de transparencia, a parlamentaria reclamou os pregos de contratación.
A deputada manifestou que son 3 millóns de euros para gastar nun só ano mentres para o resto dos festivais, AGADIC destina 280 mil euros en axudas, o Culturgal en 2017 contou con 57 mil euros da Xunta. É dicir, “52 veces menos fondos para apoiar a única feira de industrias culturais de Galiza”.
Por outra parte, a edición do libro en galego obtivo 178.000 euros, o apoio ao talento audiovisual, 145 mil euros e para as salas de artes escénicas, 70 mil euros.
Se sumamos todas as convocatorias de axudas da AGADIC activas agora mesmo para a cultura, dixo Rodil, non suman o que gastarán este ano en patrocinar eventos privados arredor do Xacobeo.
Dixémosllo ao Secretario Xeral de Cultura en Comisión e repítollo agora a vostede, “é obsceno”, irracional e un insulto á cultura galega que o Goberno da Xunta invista 3 millóns de euros para patrocinar o Xacobeo e leve 8 anos desatendendo as súas responsabilidades e obrigas no apoio, fortalecemento e impulso á creación e produción cultural galega”.
Neste sentido afirmou, desde o BNG hai dúas cuestións que consideramos reprobables: A primeira que se invistan 3 millóns de euros públicos sen facer públicos os pregos que rexeron o suposto proceso de negociación. Dito doutra maneira, entregar 3 millóns de euros públicos “ a dedo”. E a segunda que o Partido Popular volva aos vellos tempos. Aqueles tempos que “confunden cultura e espectáculo”. Unha política que outorga á cultura galega e en galego un “carácter secundario e ornamental”. Pero o máis grave, é que o diñeiro público non se destine a impulsar, fortalecer e apoiar a cultura propia e os seus sectores.
Por iso lle preguntamos, porqué asinou un contrato por 3 millóns de euros sen concurso nin publicidade e sen facer públicos os pregos da contratación?
Román Rodríguez delega a responsabilidade en Turismo
O Conselleiro de Cultura respondeu á deputada que o contrato referido responde a unha “estratexia de publicidade” para o turismo ao que a nacionalista replicou preguntando se lle parecía que o papel da administración pública debe dirixirse a “macroeventos culturais” mentres segue mantendo en “dique seco” aos sectores culturais galegos. Rodil volveu a reclamar os pregos da contratación e denunciou a falta de transparencia en todo o proceso.