Olalla Rodil saúda que por primeira vez en 35 anos unha muller sexa presidenta do Consello da Cultura Galega
O BNG anima á nova presidenta do Consello da Cultura Galega a traballar na defenda da lingua e cultura galega
A deputada do BNG, Olalla Rodil animou hoxe á nova presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez a seguir traballando na defensa da cultura e lingua de Galiza.
Na comparecencia da nova presidenta, Rodil saudou que por primeira vez en “35 anos unha muller ocupe este posto na institución galega” e agradeceu a súa presenza no Parlamento para explicar as liñas que centrarán a súa actividade no CCG.
Na súa intervención, a nacionalista destacou a necesidade de mellorar a situación da lingua galega nos “tramos de idade dos mozos e mozas máis novos”, cuestión, dixo que ademais constatamos a través do informe sobre prácticas e actitudes lingüísticas da mocidade en Galiza.
Rodil tamén lembrou que o CCG foi creado no mesmo ano da aprobación da Lei de Normalización Lingüística outorgándolle competencias para fomentar a lingua e cultura en tanto que “creacións orixinais do pobo galego, e entendidas non só como unha herdanza que cómpre conservar e transmitir, senón como un patrimonio que cada xeración debe coidar e acrecentar ”.
Vostede, dixo a deputada do BNG á nova presidenta do CCG, procede do ámbito lingüístico. Foi directora do ILG. É membro da Real Academia Galega polo que preguntou que valoración lle merece a “saúde do idioma” e si a Xunta mantivo algún contacto coa presidenta e o equipo do Consello da Cultura Galega para a elaboración do “suposto Plan de normalización da lingua galega entre a mocidade”, xa que entre as funcións do CCG, explicou, figura a de asesorar ás institucións.
A parlamentaria tamén se referiu aos datos publicados polo Consello reflectidos na “Diagnose da cultura galega” así como no sector editorial que experimentou un descendente número de exemplares editados con graves consecuencias económicas para editores e empregos. “Os orzamentos dos principais programas de fomento do libro e da lectura sofren un gran recorte nos últimos 10 anos, cun descenso que se sitúa por encima do 50%”, denunciou.
Finalmente, Rodil afirmou que o sector conta cunha lei propia, “a do libro de lectura aprobada en 2007 neste propio Parlamento”, concluíu.