Olalla Rodil a Sánchez Izquierdo: “Colocar o debate electoral ás 10H é ter toda a vontade de que non chegue á audiencia”
Contrapón a programación da TVG coa das outras canles autonómicas que optaron por emitir o debate electoral das eleccións do 10N en prime time
“Se lle parece que o horario non importa, emitan o LandRover as catro da tarde”, ironiza a viceportavoz parlamentaria
A viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, trasladou á comisión parlamentaria de control da CRTVG a decisión da dirección de impoñer ás 10.00H a emisión do único debate electoral dos comicios do 10N, no que a audiencia é mínima, nun intento claro de “furtar” o dereito da cidadanía a ter acceso neste formato á información das diferentes opcións políticas.
O único que demostra a imposición dese horario, alegou ante o director do ente, Alfonso Sánchez Izquierdo, é a vontade de reducir ao mínimo a difusión do debate.
“Colocar o debate ás 10.00 da mañá cando a xente está no seu traballo e nun programa de información xeral é ter toda a vontade de que non chegue á audiencia, simplemente non queren que se vexa”, recriminou Rodil, tras subliñar que os debates non son un dereitos das forzas políticas senón un dereito da cidadanía, en particular nos medios públicos.
“Furtan un dereito fundamental como son os debates electorais, que non son minutos de gloria para os partidos senón un dereito dos e das galegas para contrarrestar propostas, ideas e proxectos ante uun cita coas urnas”, explicou. Os debates son ademais, “un dos puntos máis importantes dentro dunha campaña electoral, como quedou demostrado nos últimos anos”, por iso, o BNG denuncia, como xa fixo nas eleccións do 28A, o deliberado intento da TVG de minimizar a audiencia dos debates electorais.
De feito, a audiencia do debate do 8N foi de 13.000 persoas, -segundo datos facilitados por Sánchez Izquierdo na súa comparecencia-, cifra que contrasta coas grandes audiencias acadadas polas televisións públicas na emisión territorial dos debates en Cataluña, - cunha audiencia de 643.000 espectador@s-, ou Euskadi, -cunha audiencia de 316.000 persoas-. En ambos casos apostaron por colocar a emisión dos debates territorializados en prime time, “como fan todos os canais do mundo excepto a TVG”.
Sanchéz Izquierdo tentou restarlle importancia ao horario de emisión, ao que Rodil contestou con ironía: “se lle parece que o horario non ten importancia, emitan o LandRover as catro da tarde”. A viceportavoz parlamentaria reiterou que os debates electorais non son un dereito das forzas políticas senón da cidadanía, máxime cando se trata dos medios públicos.