Olalla Rodil responde a Educación cun poema de Rosalía para denunciar a censura nun instituto de Cedeira
Cualifica a actuación da Xunta de “acto de censura” e utiliza un poema de Rosalía e a película Huracán Carter para defender a liberdade de expresión do estudantado do centro
A deputada do BNG, Olalla Rodil formulou hoxe unha pregunta sobre a decisión da Xunta de retirar unha exposición poética da biblioteca escolar do centro de ensino Punta Candieira, de Cedeira por entender que fomentaba o odio.
Na súa primeira intervención a nacionalista recitou o poema obxecto da retirada da exposición: “Odio que non me deixen facer as cousas, odio que todo empece por “odio que”, odio os postureos nas redes sociais, odio ter fame, odio aos críticos, odio perder o tempo, odio a sociedade na que vivimos, odio a tauromaquia, odio que se me meta o rímel nos ollos, odio a xente hipócrita, odio España, odio que me obriguen a comer, odio a fantasía pintada de rosa”....
Para Rodil, a liberdade de expresión é “un dereito fundamental” e calquera vulneración resulta “prexudicial para o pluralismo, a tolerancia e o principio sen o cal non hai unha sociedade democrática”. Obrigar a retirar unha mostra de creación artística representa unha “vulneración flagrante e inadmisible do dereito de expresión” e traslada “unha mensaxe nefasta ao alumnado”.
RODIL RESPONDE CUN POEMA DE ROSALÍA E A PELÍCULA HURACÁN CARTER Á CENSURA DA XUNTA
Na réplica ao director xeral de educación, Manuel Corredoira, que xustificou a retirada da exposición, Ollala Rodil preguntou como alguén se pode sentir ameazado por un poema escolar e afirmou que de seguir as razóns da Xunta para retirar a exposición poética teriamos que eliminar moitos poemas de Rosalía de Castro da que recitou Da Terra, poema de Follas Novas. Imos sacar tamén das aulas deste país os poemas de Rosalía, preguntou.
Ademais, Rodil utilizou o argumento da película Huracán Carter baseada na historia dun boxeador negro encarcerado inxustamente e parafraseando ao actor, Denzel Washisgton afirmou: “ A escrita é un arma e é máis poderosa do que xamais poderá ser un puño”.
Finalmente, Rodil cualificou de “acto de censura”, que a Xunta retirara a exposición poética do centro de ensino Punta Candieira, de Cedeira, unha actuación, que ao seu entender, non ten cabida nunha sociedade que se considere democrática e garantista dos dereitos humanos fundamentais.