Galegas 2016

Olalla Rodil recibiu o respaldo de máis dun cento de persoas “para abrir un tempo novo en Lugo e en Galiza”

 
  • Rodil participou nun encontro con militantes, simpatizantes e persoas que tiveron, nalgún momento, responsabilidades orgánicas ou institucionais no BNG
  • Durante a mañá Olalla Rodil achegouse a Baralla e Láncara para coñecer as deficiencias da estrada que une estes concellos que é titularidade da Xunta

Olalla Rodil, candidata do BNG por Lugo ás eleccións galegas do 25 de setembro, participou nun encontro-xantar no que recibiu o apoio de máis dun cento de persoas. Rodil salientou que “o BNG é o voto útil para que, a partir do 25 de setembro, teñamos un cambio real e se abra un tempo novo para as galegas e galegos”. No encontro participaron militantes, simpatizantes e persoas que tiveron, nalgún momento, responsabilidades orgánicas ou institucionais no BNG.

“Non se trata unicamente de afastar ao PP do goberno da Xunta, trátase de gobernar este país a partir de setembro e para iso fai falta un proxecto político serio e contrastado” dixo Olalla Rodil que apelou ao apoio “de todas as persoas que nalgún momento acreditaron no BNG como alternativa de cambio” por que “non se trata de cambiar as persoas que ocupan os asientos no consello da Xunta, trátase de conseguir capacidade para decidir por nos mesmas sobre o noso territorio e sobre as nosas vidas”.

Rodil asegurou que “a axenda de prioridades do Bloque Nacionalista Galego é a axenda de prioridades da nosa sociedade” e engadiu “temos capacidade para crear emprego e riqueza aquí, garantir o benestar, por que temos os recursos e as persoas”. Rodil lembrou os milleiros de mozas e mozos que están espallados por todo o mundo por que “Feijoo e o PP negáronlles a posibilidade de poñer este país a producir”.

Visita a Baralla e Láncara

Durante a mañá Olalla Rodil achegouse a Baralla e Láncara para coñecer as deficiencias da estrada que une estes concellos que é titularidade da Xunta. Rodil mativo un encontro cos representantes do BNG nestas localidades e sinalou que “este é un exemplo de cómo eses gobernos municipais, amigos de Feijoo, non se atreven a defender aos seus veciños e veciñas diante de quen manda en Santiago por que para o PP o importante é defender ás construtoras e concesionarias que levan beneficios millonarios dos cartos das galegas e dos galegos”.