Olalla Rodil propón “reformular” a estratexia turística “para fomentar a creación de emprego e o emprendemento no rural”
A candidata do BNG visitou o Concello de Quiroga, onde afirmou que “a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade pode ser clave para o desenvolvemento do turismo de calidade que defende o BNG”
Rodil: “desde o BNG apostamos polo turismo de interior para loitar contra a estacionalidade neste sector”
A candidata do BNG por Lugo, Olalla Rodil, visitou o concello de Quiroga, na Ribeira Sacra lucense. Na visita, Rodil destacou a necesidade de “reformular” a estratexia turística da Xunta de Galiza. “Galiza non é só sol e praia, temos unha gran variedade de atractivos turísticos que pór en valor desde a Xunta”, afirmou Olalla Rodil.
A candidata do BNG aposta por fomentar o turismo nos nosos espazos naturais, buscando o equilibrio territorial e a preservación de espazos. Segundo Olalla Rodil, “isto convertería a moitas zonas do noso rural en motores de emprendemento que crearían postos de emprego de calidade, fomentándose tamén o turismo de interior, para acabar coa estacionalidade do sector”.
Para Olalla Rodil, “a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade pode ser converter a esta zona nun motor do turismo de calidade que defendemos desde o BNG”. Rodil afirmou que ubicacións como o Xeoparque do Courel “son únicas en toda Europa”. “Malia todo, o turismo debe ser unha actividade complementaria, temos que desenvolver o tecido produtivo de Galiza e garantir os servizos públicos para poder fixar poboación no rural”, declarou 0Olalla Rodil, que engadiu, “as distintas comarcas da Galiza terán, se o BNG goberna a Xunta de Galiza a partir do 12 de xullo, un goberno que traballe para fomentar o seu desenvolvemento”.