Olalla Rodil: “O problema de Cultura é que carece de estratexia e non dialoga co sector”
Pide a Anxo Lorenzo que se implique na promoción, difusión e distribución dos produtos culturais, e utilice a política cultural como “oportunidade” para xerar riqueza nun sector gravemente afectado polos recortes
A deputada do BNG, Olalla Rodil acusou hoxe á secretaria xeral de Cultura de carecer “dunha estratexia” para promocionar, difundir e distribuír adecuadamente os produtos culturais galegos. Ademais criticou a “falta de dialogo co sector” e os grandes recortes aplicados polo goberno que dirixe Núñez Feixóo. A cultura deste país, dixo, non pode seguir perdendo oportunidades polo que reclamou “un cambio de rumbo” e unha política cultural que se converta “nunha oportunidade para xerar riqueza”.
Trala comparecencia do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo para explicar os traballos da Estratexia cultural , a parlamentaria rexeitou “o fume e propaganda” dos últimos anos e os recortes que o Partido popular leva acometido na área de Cultura. Neste sentido, afirmou que dende que goberna Feixóo, pasamos de 141 millóns de euros a pouco máis de 69, “un recorte do 51% a respecto do ano 2009-2010”.
As consecuencias dos recortes, engadiu, foron moi graves como evidencia a realidade do sector editorial, as artes escénicas, a música ou o audiovisual despois de seren sometidos a unha “verdadeira seca orzamentaria e política” e lembrou que seguimos cunha Lei do Audiovisual do ano 1999.
3 millóns de euros “a dedo” para o Xacobeo 2018
A deputada denunciou o “patrocinio a dedo” de 3 millóns de euros, na súa maior partida destinados ao concerto -Son do Camiño- . “É obsceno, irracional e un insulto á cultura deste país” que se invistan 3 millóns para concertos en 2018 fronte aos escasos 280 mil euros para todos os festivais de música que se celebrarán en Galiza; 178 mil para a edición do libro en galego; 140 mil para festivais audiovisuais; 650 mil para produción escénica, 70 mil euros para salas de artes escénicas; 145 mil euros talento audiovisual… Ademais, todas as subvencións agora mesmo abertas na AGADIC “non suman o diñeiro que vai pagar a Xunta para patrocinar o Xacobeo en 2018”.
Nesta liña, a nacionalista preguntou a Anxo Lorenzo que modelo cultural vai apoiar e con que obxectivos xa que, na súa opinión, existen dous, e moi diferenciados. Por unha parte: O que defende a Xunta como programadora dunha cultura de masas para unha sociedade con meros receptores pasivos e cunha cultura secundarizada.
Fronte este modelo, explicou , dende o BNG defendemos unha “perspectiva integral e estratéxica” que planifique todos os planos nos que a cultural se manifesta: A creación, a formación, a investigación, a excelencia artística; apoiando o tecido empresarial, que estimule a participación cidadá, que visibilice, promova e impulse a nosa produción cultural; que actúe como elemento de dinamización e vertebración territorial.
“Traballar nunha política pública de chuvia fina, transparente e democrática”; que aposte pola dimensión social da cultura e relacionada coas persoas e axentes. Unha política cultural que defenda a nosa lingua e a nosa identidade e preguntou, como é posible que un filme feito aquí, con investimento da AGADIC sexa estreado antes en salas de cine de Holanda, Alemaña e Reino Unido antes que en Galiza.
Como pode ser que nas salas de cine deste país non se poida ver nin unha soa película galega e moito menos en galego? Que papel debe cumprir a administración na promoción, difusión e distribución dos produtos culturais, das distintas disciplinas culturais. “A cultura é identidade, un dereito e un sector que xera riqueza”, concluíu.