Galegas 2016

Olalla Rodil presentou na Pobra do Brollón as propostas para garantir o transporte e mobilidade nos concellos rurais

  • Para Rodil, os anuncios de gratuidade no transporte metropolitanos, “son propaganda electoralista, e un agravio para quen ten máis dificultades para desprazarse”

Diante da estación pechada do ferrocarril na Pobra do Brollón, presentou a candidata do BNG, Olalla Rodil, as propostas da formación nacionalista en matería de transporte. Rodil dixo que “Feijoo menospreza, co transporte, a quen máis o precisa” e explicou que “todos os plans de transporte anunciados polo Partido Popular van dirixidos ás áreas urbanas e periurbanas, pero esquecen ás persoas que viven nos concellos rurais que son quen máis dificultade ten para desprazarse, se non contan con medios propios”.

A candidata do BNG deu a coñecer a proposta do BNG para a posta en marcha dun sistema de transporte “a demanda” para determinadas zonas do país. “Non ten sentido mover un autobús de varias toneladas e altamente contaminante para desprazar cantidades moi pequenas de viaxeiras” afirmou Rodil e sinalou que “nun país tan complexo e variado como a Galiza, as solucións uniformes non son válidas”. Olalla Rodil estivo acompañada do alcalde da Pobra do Brollón, Xosé L. Maceda, e de persoas que forman parte da candidatura do BNG.

Rodil referiuse, unha vez máis, á necesidade de acometer unha reforma estrutural dos servizos ferroviarios para que “sexan útiles e utilizables”. Rodil apostou pola posta en marcha do GALTREN, unha empresa pública que xestione os servizos ferroviarios de proximidade como xa ocurre en Catalunya ou en Euskadi. “Na Pobra do Brollón a xente podería utilizar, perfectamente, subir ao ferrocarril para desprazarse a Monforte, Sarria ou Lugo, mais para iso, as liñas teñen que estar pensadas e deseñadas dende Galiza e para as galegas e galegos”.

065

Olalla Rodil lembrou, tamén, como o goberno do partido popular e Núñez Feijoo “desmantelaron o sistema de transporte adaptado 065”. Un sistema que foi posto en marcha polo BNG cando tivo responsabilidades de goberno na Xunta de Galiza e que estaba pensado para dar cobertura ás necesidades da poboación deste país que máis o necesita. “Nós imos gobernar para dar solución aos problemas da xente e non para darlles negocio aos amigos” dixo Olalla Rodil que acusou aos populares de enfocar as súas políticas “en clave de negocio para os seus afíns”