Olalla Rodil: “O PP utiliza a lei de acompañamento para reformar 24 leis pola porta traseira”

Olalla Rodil

Afirma que para o PP a  lei de medidas fiscais e administrativas é coma o turrón de Nadal, “sempre volve” e anuncia que o BNG non apoia o proxecto porque non aporta solucións e furta o debate parlamentario

A deputada do BNG, Olalla Rodil afirmou hoxe que o Partido popular utiliza a Lei de acompañamento como  “subterfuxio e porta traseira” para modificar 24 leis sen diálogo e de  maneira “opaca e sen transparencia” polo que anunciou que o BNG non apoiará o Proxecto de lei de medidas fiscais e administrativas defendidas polo conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez.

A leis de montes veciñais, prevención de incendios, pesca, augas, turismo, estradas, política cultural, portos ou iniciativas empresarias serán reformadas, “dun golpe e cun feixe de decretos” furtando o debate parlamentario e a posibilidade de establecer un diálogo real co resto das forzas políticas. Unha vez máis, dixo, a deputada,  a Lei de acompañamento é para o PP como o turrón de Nadal, “sempre volve”.

Denuncia que a lei contempla “repagamentos” en servizos aínda sen crear como os de supervisión e apoios puntuais,  Cohousing e  unidades psicoxeriátricas.

MEDIDAS ADMINISTRATIVAS

Nesta ámbito, recalcou que o goberno  introduce modificacións heteroxéneas e dispares no ordenamento xurídico. Modifican desde a Lei de deporte, á Lei de Turismo, pasando pola Lei de implantación empresarial ou mesmo reformas introducidas na Lei de acompañamento de 2017.

As  “reformas urxentes” do PP impiden que os textos poidan se tramitados e imposibilitan o debate e achegas dos grupos parlamentarios o que en opinión da deputada, representa “unha vulneración da participación democrática” dos sectores afectados e provoca, en todos os casos, “improvisacións que non prevén solucións”.

E engadiu que a  proba máis evidente, témola este ano, nunha das reformas que introduciron no proxecto de Lei de acompañamento, nas disposicións adicionais, coa que pretenden ou pretendían, -veremos en que queda a cousa- crear “a figura de Pediatra de área”. Unha “ocorrencia”, sen debate  cos profesionais da sanidade pública e tras  modificar a Lei de Saúde hai menos dun ano.

Así o expresaban as organizacións profesionais de Pediatría de Galiza que, ademais de rexeitar esta proposta polo risco que supón para o sistema de atención sanitaria pública do noso país, denunciaban a opacidade e  falta de transparencia da Xunta de Galiza. “Souberon da ocorrencia da Consellaría de Sanidade pola prensa”, explicou.

Para a parlamentaria nacionalista, este é o mellor exemplo da natureza da Lei de acompañamento e o uso que dela fai o Partido Popular cada ano desde 2009. “Tanto lle vale intentar declarar a extinción da pediatría en atención primaria como  mudar por eneísima vez a Lei de Solo “.

Este ano, hai que destacar, a proposta de modificación da Lei do Solo , para  introducir unha nova regulación de importante calado, á execución dos “sistemas de expropiación” utilizando  como fórmula a tramitación de urxencia dunha Lei de acompañamento orzamentaria, sen xustificación algunha a non ser a de  saltarse os informes que deben acompañar o procedemento lexislativo ordinario, e  negar a  participación das entidades locais con competencias.

A nova regulación de execución de carácter pública e  directa, poderá sen embargo, ser xestionada de forma indirecta por terceiros privados,  “desnaturalizando o sistema de execución para asimilalo a un sistema de execución indirecto, cando debería ser a administración quen actuase directamente e non por medio de intermediarios”.

PELOTAZO URBANÍSTICO EN MOS

Nesta liña, a deputada engadiu  que a nova regulación busca legalizar “un calote urbanístico, un pelotazo”, no concello de Mos co único obxectivo de conceder á empresas privadas a capacidade de expropiar terreos para construír un complexo deportivo unido a un gran centro comercial.

Desta forma, remarcou, o Partido popular busca, de “maneira premeditada” que capital estranxeiro especulativo poida facer unha operación en Vigo e área de influencia que disfrazan de utilidade pública, pero non se trata dun hospital, unha residencia de maiores ou unha depuradora senón dun “macroproxecto de costas ás necesidades sociais e económicas da contorna e, por extensión, de todo o país.”

MEDIDAS FISCAIS

En relación á primeira parte do proxecto de Lei referida ás medidas fiscais, Rodil asegurou  que “afonda  nunha política impositiva de carácter regresivo” e carente de  medidas  que avancen na dirección  dunha  fiscalidade que priorice a  “progresividade e equidade” como eixos principais dun sistema fiscal redistributivo. “Destaca polo seu claro carácter regresivo a modificación do Imposto sobre Patrimonio  porque  suprime o incremento acordado no 2013”. Esta medida, segundo estimacións do propio goberno, terá un custo recadatorio de 11,8 millóns de euros, “case  12 millóns menos na recadación que non se ven compensados coas demais modificacións en material fiscal.”, concluíu.