Olalla Rodil: “A política cultural da Xunta non pode reducirse ao monocultivo do Xacobeo”
Critica o “eterno anuncio” do Plan de normalización lingüística e a precarización do sector do libro, o teatro e a música
A deputada do BNG, Olalla Rodil replicou hoxe ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez que “a política cultural en Galiza non pode reducirse ao monocultivo do Xacobeo”.
Trala comparecencia do titular de Cultura para explicar as liñas do seu departamento, Rodil lamentou que unha vez máis, Rodríguez perdera a oportunidade de anunciar unha estratexia cultural que realmente favoreza os diferentes sectores culturais que permanecen nunha situación precaria. Polo contrario, dixo, “seguimos igual e cada vez máis convencidas de que non pensan facer nada máis alá do Xacobeo e os eternos anuncios que nunca chegan en Política Cultural e Lingüística”.
Rodil reiterou que o goberno do Partido popular carece dunha estratexia para impulsar a cultura e lembrou que despois de dez anos segue “co piloto automático posto e cunha única proposta, volver ao modelo Fraga”.
A deputada aludiu á Cidade da Cultura da que dixo, réstanlle fondos a I+D+i das universidades mentres “enterran 2,5 millóns de euros no ano 2019” ao que sumou a propaganda dos macroeventos sostidos con diñeiro público como o Festival O San do Camiño, cun contrato de 3 millóns de euros “sen publicidade” ao tempo que dedican ao resto dos festivais de música e artes escénicas, 450.000 eruos cun máximo de 50.000 para un mesmo proxecto.
Ademais , engadiu, o Centro Dramático Galego sobrevive con 500 mil euros todo o ano a pesar de seren aprobado o Plan galego de artes escénicas (2008) co obxectivo de transformar as precarias estruturas do sector (teatro, danza, circo), pero por “puro sectarismo” afirmou, “metérono nunha gabeta e deixaron que morrese” e non queren nin oír falar do Anteproxecto de Lei galega de Artes escénicas que impulsou, promoveu e trouxo a esta Cámara o sector.
Por outra parte, o sector editorial continúa a padecer a inquina do seu Goberno criticou Rodil, e a propia presidenta do Consello da Cultura Galega, a pasada semana, afirmou que a Lei do libro e da lectura de 2006 estaba a durmir “o soño dos xustos”.
As consecuencias da “antipolítica do Partido popular” está a vista, e vostedes, recalcou a nacionalista “continúan recortando”. No ámbito lingüístico, O plan de normalización do galego na mocidade é o eterno anuncio xa dende o mes de abril de 2016, Volveron anuncialo en febreiro de 2017. De novo en maio de 2017. En febreiro de 2018 e hoxe outra vez.
Rodil advertiu que as liñas da consellería de Cultura non indican que o panorama vaia a mellorar no futuro máis inmediato e como afirmou a Real Academia Galega, “a escola tornou en axente desgaleguizado”.
A parlamentaria do BNG concluíu a súa intervención recalcando que o “Xacobeo non vai mudar esta situación” e a comparecencia do conselleiro no Parlamento galego, “trufada de anuncios” tampouco cambiará a folla de ruta marcada polo Partido popular e a súa política de recortes para a cultura galega.