Olalla Rodil: “Lugo non pode ser a única cidade de Galiza que teña un tren do século pasado”
Néstor Rego: “Estamos na situación que estamos porque levamos 15 anos de Goberno do PP que non exerceu a súa función de conseguir investimentos e defender os intereses do noso pais e de Lugo”
Rubén Arroxo: “BNG leva anos denunciando a situación de incomunicación que sofre Lugo, unha cidade totalmente illada a nivel comunicativo”
O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, a cabeza de lista por Lugo, Olalla Rodil e o tenente de alcalde, Rubén Arroxo, compareceron este mediodía diante dos medios para destacar a necesidade de poñer fin á incomunicación que sofre Lugo e a necesidade de que conte coas infraestruturas adecuadas. Salientaron o traballo feito polo BNG neste sentido e aludiron ao 18 de febreiro como a data para iniciar unha mudanza na Galiza e en Lugo da man dunha Presidenta do BNG.
Olalla afirmou que se presenta unha campaña moi ilusionante, “unha campaña eleitoral moi aberta e onde contamos cunha grande corrente de simpatía. Todo o mundo sabe que esta campaña se xoga entre BNG e PP. Que o PP representa o pasado e que podemos abrir un tempo novo neste pais para no que se poña por diante os intereses dos galegos e das galegas da man dun Goberno que estea liderado polo BNG e pola primeira muller nacionalista Presidenta da Xunta, Ana Pontón”.
Rodil indicou que para BNG é unha prioridade a cohesión social e a vertebración. “Para iso a mobilidade é unha cuestión fundamental. Lugo non pode ser a única cidade de Galiza que teña conexións ferroviarias do século pasado. Ademais de ser a única cidade do pais que non está conectada coa capital de Galiza”. Cualificouno isto de “anomalía”. Sen esquecer, puntualizou, que supón unha “pexa ao desenvolvemento económico”. Deixou claro que esta deficiencia con Lugo “vai ser unha prioridade para BNG cando Pontón estea na Xunta cun goberno forte que defenda os intereses de Lugo. “Poñamos Lugo no mapa e pelexemos coas mans libres”, subliñando que BNG é a única forza política que ten “as mans libres para poñer a Lugo no centro”.
No concreto, sinalou que un dos compromisos do BNG será o de rematar a autovía Lugo-Monforte para vertebrar o interior de Galiza.
Néstor Rego: “Como BNG usamos a nos posición decisiva no Congreso para impulsar as infraestruturas ferroviarias e viarias de Lugo”
O deputado do BNG no Congreso afirmou que “unha maioría da cidadanía de Lugo é consciente de que o BNG é quen está impulsando que se termine esa incomunicación de Lugo” e da necesidade de “avanzar nas infraestruturas necesarias que posibiliten mellorar a calidade de vida e o desenvolvemento económico da comarca de Lugo”. “Facémolo nas institucións cando temos oportunidade e somos quen de arrancar compromisos e acordos para que isto avance”, en clara alusión ao Acordo de investidura. Neste sentido, lembrou que o Acordo “incorpora importantes actuacións para Lugo e sobre todo pon prazos”.
Puxo exemplos: Para impulsar a modernización e electrificación da conexión ferroviaria coa Coruña. “Como BNG utilizamos a nosa posición decisiva no Congreso para impulsar estas actuacións e reclamar ao Goberno que cumpra, que non esqueza nunca máis a Lugo”
Mais Rego mencionou “unha pata que até agora faltou: “Un Goberno galego que se preocupase de xestionar diante do Executivo central os investimentos e as infraestrutura necesarias para que o noso pais avance, para que Lugo avance. Non o fixo o PP e hai que dicilo con clareza. Estamos na situación que estamos porque levamos 15 anos de Goberno do PP que non exerceu a súa función de conseguir investimentos e defender os intereses do noso pais. Isto vai mudar o próximo 18 de febreiro cando BNG teña a presidencia da Xunta, cando Ana Pontón sexa a Presidenta da Xunta”.
Arroxo: “A incomunicación de Lugo está a quitarlle dereitos aos nosos veciños e veciñas”
Pola súa parte, Rubén Arroxo sinalou que destacou que “BNG leva anos denunciando a situación de incomunicación que sofre Lugo, unha cidade totalmente illada a nivel comunicativo” . Afirmou que esta situación “está a quitarlle dereitos aos nosos veciños e veciñas” porque non teñen a mesma mobilidade que noutras cidades. Alén disto, salientou que tamén é un problema para o desenvolvemento económico da cidade. Puxo en destaque o traballo realizado neste sentido tanto no Congreso como no parlamento galego.