Olalla Rodil leva ao Parlamento a falta de persoal e carencias do Hospital de Monforte
Asegura que a nova Lei de Saúde do PP converterá os hospitais comarcais de Monforte, A Mariña, o Barco e Salnés en apéndices dos grandes hospitais das cidades
A deputada do BNG, Olalla Rodil preguntou hoxe ao conselleiro de sanidade pola falta de persoal e carencias do Hospital de Monforte. Rodil quixo poñer de releve a situación na que se atopan os hospitais comarcais, entre eles o de Lemos, “nun momento no que a Xunta de Galiza pretende reformar a Lei de Saúde e con ela seguir convertendo Monforte, pero tamén A Mariña, O Barco e O Salnés, en apéndices das cidades”.
UNHA ENFERMEIRA PARA 28 PACIENTES
Trala resposta do conselleiro Almuíña, a nacionalista preguntou se é lóxico que unha soa enfermeira atenda en horario nocturno a 28 pacientes. Que pasaría se ao mesmo tempo se producen dúas emerxencias? e denunciou que as carencia do hospital de Monforte vai máis alá e puxo como exemplo “a vacante do especialista en dixestivo” e a cobertura “de maneira provisional” da vacante de oftalmoloxía.
Neste sentido insistiu na necesidade de reforzar os servizos dos hospitais comarcais pero non a costa de perder outros; “non a costa de non contar con persoal suficiente en enfermería; nin a costa de ver como chove dentro do hospital polas deficiencias da infraestrutura” como comprobamos a semana pasada en Monforte con caldeiros e toallas nos corredores para recoller a auga.
O que está a provocar a falta de persoal, que atinxe tamén á categoría de celador, tradúcese, dixo, nunha sobrecarga de traballo para os profesionais e na obriga de priorizar tarefas pola imposibilidade de prestar a debida atención a todas as persoas hospitalizadas. “Iso é o contrario, absolutamente, dunha boa calidade asistencial”, recalcou a nacionalista.
Finalmente, a parlamentaria criticou que o conselleiro de sanidade persista en defender unha Lei de Saúde, “a lei de Saúde do PP”, asegurando que mellora a atención sanitaria porque a realidade que viven todos os días as veciñas e veciños, entre elas as de Lemos, remarcou, “contradí con feitos este discurso”.