Olalla Rodil insta á Conselleira de Educación para que retire a relixión do currículo escolar
Denuncia a obrigatoriedade do alumnado que opta por Antropoloxía, Robótica ou Coeducación a elixir Relixión católica para cumprir coa carga horaria obrigatoria
A portavoz de Educación do BNG, Olalla Rodil, a través dunha pregunta parlamentaria ao goberno, pediu modificar as cargas horarias das materias de libre configuración e iniciar accións para suprimir a materia de Relixión no currículo escolar.
Rodil explicou que a distribución horaria das materias de bacharelato recollida no Decreto 86/2015 estabelece o currículo de secundaria e Bacharelato, xunto coa carga horaria fixada para as materias de libre configuración autonómica que o alumnado debe cursar, “dúas materias troncais de opción e mínimo dúas e máximo de tres específicas”.
Tendo en conta que a relixión, dixo, ten unha carga horaria dunha hora dentro das materias específicas e que o estudantado debe cursar como mínimo dúas desta modalidade, aquel que opta por Antropoloxía, Robótica ou coeducación, está abocado, en moitos centros galegos, a elixir Relixión católica aínda que o centro teña unha materia de libre configuración dunha hora.
A parlamentaria utilizou o exemplo dun estudante de 1º de BAC que elixe cursar como materia específica, debuxo artístico (3 horas) e Coeducación de libre configuración (2h) pero debe elixir obrigatoriamente Relixión (1h) porque é a única específica dunha hora e non hai outra combinación posible polo que asegurou, “estamos diante dunha situación que conculca os dereitos do alumnado que se ve obrigado a cursar unha materia en contra da súa vontade, unha materia de carácter puramente confesional”.
Para o BNG o “ensino debe ser galego, público, científico, feminista e laico” e, polo tanto, calquera tipo de confesión relixiosa debe quedar á marxe do ámbito público. A nosa posición é clara e taxativa, afirmou Rodil, “profesar calquera crenza relixiosa é unha cuestión estritamente privada e debe estar fóra das aulas”.
Tras a resposta da conselleira de Educación, a parlamentaria do BNG preguntou se o goberno galego prefire que o alumnado non curse Coeducación porque consideran que a relixión debe continuar no currículo como materia específica. En opinión da nacionalista, resulta terrible que a consellería considera “prescindible o pensamento feminista, a igualdade de xénero ou a coeducación, pero non o Xénese que di que as mulleres saímos da costela dun home”. E reiterou que “non existe elección se só existe unha combinación posible”.
A nacionalista emprazou á Xunta a defender a eliminación de relixión do currículo escolar pero tamén a adoptar medidas necesarias para que ningunha persoa estudante se vexa obrigada a cursar esta materia. “Supriman a obriga de cursar dúas materias específicas como mínimo ou dean a consideración de específica ás materias de libre configuración autonómica ou oferten outra materia específica dunha hora”, reiterou Rodil.
“Teñen capacidade para facelo, o que pasa é que non queren”, concluíu.