Olalla Rodil “hai que garantir a atención xurídica as vítimas e acompañalas de profesionais”
A candidata por Lugo do BNG ás eleccións galegas, Olalla Rodil, estivo esta mañá en Sarria xunto coa vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, e o concelleiro sarriá, Efrén Castro, amosando o apoio ao movemento feminista por parte da organización nacionalista despois da agresión sufrida por unha veciña hai uns días nas Aceas.
Desde o BNG reclamamos que que se garantan oficinas de atención ás vítimas en todos os xulgados que acompañen psicoloxicamente ás mulleres ao longo de todo o proceso, tal como recolle a Lei galega de prevención e tratamento integral da violencia de xénero desde o 2007.
Olalla Rodil sinalou “hai que garantir a atención psicolóxica ás vítimas e acompañalas”, ademais, recalcou, “hai que garantir formación específica en materia de violencia machista e perspectiva de xénero a todos os operadores xudiciais e, en xeral, a todos os profesionais que traballan directa ou indirectamente con mulleres en situación de violencia machista”.
Así mesmo, Rodil, sinalou o compromiso do BNG coa reforma do decreto que regula os Centros de Información a Mulleres (CIM) para dotalos dos recursos humanos e económicos necesarios para atender as mulleres que sofren violencia machista. “Cómpre lembrar que a violencia sexual é unha forma máis de violencia machista exercida contra as mulleres polo simple feito de selo”, recalcou a candidata.
De igual xeito, Olalla Rodil amosou que “este 12X imos poñer a Xunta a funcionar, queremos acadar unha sociedade máis xusta e sen violencias, onde cando saiamos non teñamos medo de facelo, sermos libres en igualdade”.