galegas 2024

Olalla Rodil: "Galiza é a novena potencia europea en producción de madeira, precisamos xerar máis riqueza e valor engadido a través do peche de ciclos productivos"

A candidata do BNG participou hoxe en dous encontros con representantes do sector forestal, onde presentou as propostas do BNG "para beneficiar o sector e mellorar as condicións de traballo das máis de 20.000 persoas que se adican á madeira"

Rodil: "o forestal é un sector estratéxico para o presente e o futuro do noso país e de Lugo, onde se realizan a metade das cortas de toda Galiza, temos que cambiar o modelo e transformar nós a madeira"

A cabeza de lista do BNG por Lugo asegurou "que o día 18 vaise decidir o futuro de Galiza, o apoio ao BNG garante  superar os 15 anos dun PP que non apostou polos nosos sectores produtivos"

A cabeza de lista por Lugo ao Parlamento de Galiza, Olalla Rodil, mantivo na xornada de hoxe encontros con representantes do sector forestal, onde presentou as distintas propostas do BNG para este sector e os máis de 20.000 postos de traballo que xera na actualidade. "O sector forestal é un sector estratéxico para o presente e o futuro de Galiza", explicou Olalla Rodil, que engadiu "ten un papel determinante en cuestións como a prevención de incendios e a loita contra o abandono das terras". Olalla Rodil afirmou que "precisamos apostar por este sector e xerar maior riqueza, valor engadido e postos de traballo para sector industrial e forestal a través do peche ciclos productivos", e engadiu "na actualidade, en Galiza prodúcese madeira que despois se transforma noutros lugares do estado ou de Europa, desde o BNG traballaremos para que esa transformación da madeira se realice na Galiza, creando novos postos de traballo para as nosas veciñas e veciños".


Na actualidade, Galiza é a novena potencia europea en producción de madeira, e a provincia de Lugo acumula a metade das cortas de madeira de todo o País. O BNG propón fomentar a produción de madeira de calidade e do seu uso para carpintería, mobles e usos estruturais na construción, así como para a provisión de produtos biobaseados, como téxtiles, embalaxes, enerxía e mesmo a construción e electrónica, atendendo ao aumento da demanda de materiais e produtos naturais, renovables, sostibles e de baixo impacto ambiental. "A biomasa forestal, a madeira e os produtos e materiais derivados da madeira deben posicionarse para satisfacer as demandas da nova bioeconomía", explicou Olalla Rodil.

A candidata do BNG afirmou que unha das liñas de traballo será "atraer e impulsar oportunidades de emprendemento local en base á valorización dos ecosistemas forestais autóctonos". O BNG pretende visibilizar os distintos aproveitamentos ecosistémicos (almacenamento de carbono nos solos e vexetación), ambientais (biodiversidade, defensa contra o lume) e culturais apoiados en actividades da economía local. Ofertar produtos e servizos á sociedade mediante un modelo de xestión con rendibilidade económica, baseado nun monte con especies autóctonas, de crecemento máis lento, pero multifuncional e biodiverso.

A cabeza de lista do BNG por Lugo asegurou "este domingo as galegas e galegos decidimos o futuro do noso País, temos que saír a votar en masa porque Lugo pode ser a chave para que teñamos un goberno do BNG que deixe atrás os 15 anos de recortes e abandono do Partido Popular". Rodil asegurou que "no BNG temos un proxecto claro para asentar poboación, garantir a dispoñibilidade de servizos e garantir a continuidade das empresas vinculadas ao medio rural", e pediu o voto ao BNG "como garante do futuro de Galiza e dos nosos sectores produtivos".