Olalla Rodil: “Feixóo non pode agocharse detrás do conselleiro de Sanidade. Ten que dar a cara no Parlamento”
A viceportavoz do BNG, Olalla Rodil afirmou que “Feixóo non pode agocharse detrás do conselleiro de Sanidade.Ten que dar a cara e explicar a evolución da pandemia en Galiza” e as medidas previstas polo goberno para paliar as consecuencias sociais e económicas da COVID-19.
Tras a xunta de portavoces, a parlamentaria do BNG lembrou que no anterior pleno o BNG xa propuxo unha comparecencia do presidente da Xunta cada 15 días como “medida de control parlamentario” e o Partido popular vetou esta comparecencia escudándose na comparecencia do conselleiro de Sanidade no vindeiro pleno.
O presidente da Xunta, reiterou Rodil, “debe dar a cara” e suma as súas responsabilidades para dar conta aos grupos parlamentarios e ao conxunto da sociedade da situación sanitaria, económica e social pola crise da COVID-19. O PP explicou, exíxelle en Madrid que compareza Sánchez pero en Galiza busca escusas para impedir que Feixóo dea a cara.
A pesar dos vetos do Partido Popular, na sesión de control, a nosa portavoz, Ana Pontón preguntará ao presidente pola avaliación da Xunta sobre a crise sanitaria, económica e social que nos deixa a Covid en Galiza.
Noutra orde de cousas, a viceportavoz anunciou que o BNG interpelará ao goberno sobre a pobreza e exclusión social e neste sentido, lembrou que os informes elaborados pola Rede galega contra a pobreza en 2019 advirten que o 23% da nosa poboación (622.294 persoas) estaban en risco de pobreza e/ou exclusión social antes da chegada da COVID, e que case o 5% da poboación (128.000 persoas) estaba en situación de pobreza severa con ingresos inferiores aos 370€ mensuais. Dende o BNG preguntaremos que medidas implementou a Xunta para evitar que miles de traballadoras e traballadores sigan sumándose ás ringleiras do banco de alimentos e reclamará “un plan de choque social” con recursos para frear as consecuencias económicas da pandemia cun Plan integral de rescate para o sector dos autónomos e autónomas “dotado con 200 millóns de euros”.
Outro dos asuntos relevantes que o BNG defenderá na vindeira sesión plenaria é o relativo a garantir a atención psicolóxica a mulleres en situación de violencia machista na Atención Primaria. Unha medida incluída na lei de 2007 que leva “13 anos incumprida” e que urxe desenvolver, concluíu a nacionalista.