Olalla Rodil denuncia que a Xunta carece dunha estratexia coherente para fomentar o galego entre a mocidade
Critica que Política Lingüística presente cada ano unha serie de accións “deslabazadas” sen planificación integral nin obxectivos claros
O BNG fixo unha avaliación crítica do balance anual do Plan de normalización lingüística presentado na Cámara polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, por considerar que se trata da suma de medidas “deslabazadas” pero sen estratexia algunha para frear a caída de persoas galego falantes, en particular entre a xente moza e no ámbito universitario.
A portavoz parlamentaria na Comisión de Educación e Cultura, Olalla Rodil, incidiu en que se trata “dun conxunto de accións sen planificación integral, carentes de estratexia e que non atenden a ningunha finalidade concreta”, indicando que o balance do Plan de normalización lingüística non pode limitarse a facer unha “enumeración de actuacións sen saber para que, sen finalidade, sen fío condutor, nin obxectivo definido cando debería ser fundamental que tivese un sentido coherente de promoción da lingua”.
Neste sentido, Rodil reclamou a remisión á Cámara dunha avaliación anual escrita dos resultados do PNL, -“falta un documento co que poder avaliar e diagnosticar o funcionamento dun instrumento que xa ten catorce anos”-, e tachou de “decepciónante” o plan para promover o galego entre a xente moza, “porque aporta pouco ou nada, salvo reiterar cuestións que xa se coñecen, pero non toca puntos importantes como pode o ámbito universitario no que se incumpre o Plan de normalización lingüística”.
“Apenas o 23% das aulas impartidas polo profesorado son en lingua galega, ese plan de fomento do galego entre a xente moza prevía comisión mixtas que non existen e, lonxe de ampliarse, os espazos de uso do galego na universidade están retrocedendo, como mostran estudos da USC ou da UdC”, denunciou Rodil.
Á falta de planificación estratéxica súmase o feito de que non se executaron moitas das medidas previstas, como a posta en marcha de repositorios de materiais que permitan vivir en galego en todos os ámbitos, por exemplo facilitando o acceso a contratos de aluguer en galego, para poder relacionarse coas entidades financeiras ou coas grandes compañías de servizos como as de telefonía, “en ambos casos segue a ser territorio comanche”, criticou.
Rodil tamén ve eivas no plan de fomento do galego no eido económico que, considera, “non estar a dar os froitos necesarios”, e citou a modo de exemplo a publicidade en galego, cuxos premios anuais quedaron desertos nalgunha modalidade creativa, ou todo o que queda por facer na etiquetaxe dos produtos de consumo. E, finalmente, tamén fixo unha referencia á falta de avances do uso do galego nos medios de comunicación, pese a que reciben elevadísimas axudas públicas e nin sequera son todas en libre concorrencia.
“O uso do galego nos medios, salvo excepcións, mantense no 8%, porcentaxe mínima para poder ter acceso ás cuantiosas subvencións públicas sen que se vexan resultados tanxibles, e iso pese ás enormes cantidades de recursos públicos que se destinan a fomentar o uso da nosa lingua nos medios de comunicación”, concluíu.