Olalla Rodil denuncia que a Lei de Acompañamento dos Orzamentos "é unha trampa feita lei"
- No debate de Orzamentos que se está a debater no Parlamento galego, a viceportavoz parlamentario do BNG afirmou que a Lei de Acompañamento é “un caixón de xastre” do goberno para incorporar medias que, de seguir o seu canle regular, provocarían unha grande contestación social.
No debate de Orzamentos, que se está a celebrar no Parlamento galego, a viceportavoz do BNG, Olalla Rodil afirmou que a Lei de Acompañamento foi aproveitada para modificar 21 normas “pola porta de atrás” e sen debate político parlamentar. “É unha trampa lei” do goberno para incorporar medias que provocarían unha importante contestación social. Esta lei, recalcou, a nacionalista, tornase nunha sorte de “caixón de xastre” para incluír medidas destinadas a reformar leis sectoriais.
Medidas alleas ao gasto público e xestión do orzamento
Desde o BNG,dixo Rodil concordaríamos cunha lei que recollese políticas fiscais para aumentar ingresos públicos e con iso ter fondos para o orzamento das políticas e servizos, máis este proxecto “adoece desas medidas fiscais” e as existentes, apenas supera os 2,5 millóns de euros,dun orzamento de 10 mil millóns, dos cales “2,3 millóns responden a tributos cedidos e o resto a taxas propias”. Nesta liña, a viceportavoz do grupo parlamentario do BNG insistiu na necesidade dunha política fiscal que devolva a progresividade ao Imposto de Sucesións de Doazóns. Nestes días,engadiu, soubemos que Galiza é dos territorios que menos grava este imposto xunto con Canarias, non é que queiramos gravalo liñalmente, dixo, a nacionalista, propoñemos que “os patrimonios máis elevados non se vexan beneficiados das mesmas deducións e bonificacións que os máis modestos”. Por outra parte apostou por actuar no Imposto de Patrimonio, permitindo a súa “reinstauración en patrimonios superiores aos 300.000 euros, excluíndo a vivenda habitual”.
Na súa intervención, a parlamentaria do BNG tamén se referiu aos tramos do IRPF, “deben ser gravados os superiores a 60 mil euros e sobre todo os que superen os 120.000 €”. Rodil tamén defendeu crear un imposto para as grandes superficies comercias, destinado a paliar o impacto económico negativo no comercio de proximidade.
Medidas para reformar Leis sectoriais
Para a deputada, na Lei de acompañamento incorpórase “un ataque frontal aos dereitos dos empregados públicos e negociación colectiva”, medida denunciada ante órganos xudiciais por sindicatos da función pública. Múdanse tamén aspectos substancias da Lei de Función Pública aprobada en 2015 con só 1 ano e medio de vixencia para consolidar prazas de persoal indefinido e contratado en “fraude de lei”, circunstancia que en opinión da deputada, deixa entrever un paso intermedio para “futuras amortizacións e despedimentos”.
Monte galego
Introducen reformas substanciais na lei de montes, unha lei aprobada no ano 2012, que agora volven mudar pola porta de atrás, sen unha mínima consulta ao sector nin sequera ao Consello Forestal como órgano institucional de participación social en materia forestal. Aplican ás comunidades de montes unha nova moratoria na conversión de convenios, de carácter obrigatorio e sen negocialo nin asegurar que dentro deste tempo extra se vaian manter os investimentos nos montes en man común xestionados pola Xunta.
Transporte colectivo
Tamén adiantan nesta lei toda unha reforma do réxime de transporte colectivo, cando apenas hai un ano aprobaron “unha lei exprés” para cumprir coas sentenzas do Tribunal de Defensa da Competencia que obrigaban a axustar o réxime dos servizos de transporte á normativa comunitaria. Agora, explicou, persisten en presentar a regulación do sector de transporte de viaxeiros “a golpe de norma pechada”, que ocasionou que o primeiro intento de 2011 fora invalidado xudicialmente, e que a súa nova tentativa, tamén tramitada á présa e por lectura única en 2016 sexa unha nova demostración de actuación lexislativa a través de reflexos condicionados.
Solo
Hai tamén apenas 1 ano, lembrou a nacionalista, foi publicada a última lei do Solo, de Ordenación urbanística que o goberno cualificaba de “norma de futuro”, e xa vemos cal é o futuro para o PP, “dura menos dun ano” e sérvelles para parcheala e solventar un caso puntual, creado polo propio Partido Popular, como a anulación do PXOM de Ourense. Insistimos, “é mal negocio, un fracaso anunciado lexislar a impulsos, ditar normas con solucións intuitivas e non reflexivas”.
Servizos públicos de concellos
A deputada concluíu a súa intervención afirmando que o Goberno pretende consolidar un cómputo de débedas que moitos concellos discuten co Consorcio. En función dos convenios en vigor, o Consorcio enviou nos últimos anos liquidacións para cofinanciar servizos sobre os que os concellos manifestaron o seu desacordo e mesmo existen concellos que abonaron gastos que non lles correspondían. “Ese litixio que manteñen, por cambios de criterio do consorcio non amparados nos convenios, debería resolverse nas comisións de seguimento e de xeito bilateral entre Consorcio e concellos, en base aos criterios do convenio”. O Goberno debe deixar a un lado a “arrogancia, blindando as contas que lle presenta o Consorcio aos concellos, pedir transparencia e contas claras ao Consorcio da maioría de concellos que as reclaman, e sobre todo “diálogo e vontade de chegaren a acordos”, iso que tanto pregoan vostedes nesta Cámara e que “ben pouco levan á práctica”.
Usen a Lei de Acompañamento para o que debe ser, “un instrumento co que desenvolver unha política fiscal necesaria e útil para Galiza”.