Olalla Rodil defende unha política seria en I+D+i fronte aos incumprimentos e “ocorrencias en tempo de desconto” do PP
A deputada do BNG considera o anuncio de Rueda “o enésimo exemplo dunha política nefasta en ciencia e investigación que sitúa a Galiza no furgón de cola”
A proposta do Bloque pasa por máis investimentos, unha carreira investigadora completa e un programa ambicioso de retención, captación e retorno de talento
A deputada do BNG Olalla Rodil referiuse hoxe ao decreto para regular a carreira investigadora anunciado por Alfonso Rueda como unha máis das “ocorrencias en tempo de desconto do PP” e o “enésimo exemplo da súa nefasta política en ciencia e investigación”, unha política que “sitúa a Galiza no furgón de cola facéndolle perder ao País enormes oportunidades”.
Rodil criticou que o PP queira facer ás presas no final da lexislatura o que non fixo en catorce anos de goberno e asegurou que “cada promesa que fai o PP é o exemplo dun incumprimento”. Neste contexto enmarcou o anuncio do decreto para regular a carreira investigadora, “o mesmo anuncio -precisou- que fixeron en marzo de 2021 no Parlamento e que repetiron en novembro de 2022 dicindo que ía estar feito no primeiro semestre de 2023”. “Non cumpriron en todo este tempo e agora anuncian que van aprobar o decreto en 2024 despois de ter o proxecto parado durante un ano”, insistiu.
Fronte á xestión do PP, Rodil defendeu unha “política seria que estea á altura das necesidades deste País” e que pasa, segundo a proposta do BNG, por aumentar os recursos, implantar unha carreira investigadora completa e un programa ambicioso de retención, captación e retorno do talento.
Máis concretamente, o BNG propón un nivel de investimento en I+D+i que sitúe Galiza progresivamente no horizonte europeo do 2,5% e deixe atrás o “pírrico” 1,1% actual, unha cifra que tamén está por baixo da media estatal, do 1,46%.
No que se refire á carreira investigadora, a aposta do BNG é que inclúa a todo o persoal investigador -tamén o das universidades- e o persoal técnico e de xestión porque “sen técnicos e sen xestores de proxectos non hai ciencia”, apuntou Rodil.
A terceira gran proposta do Bloque é un programa de retención, captación e retorno do talento “que sexa ambicioso e estable a través da creación do Innogal”, unha entidade similar ás que funcionan con éxito en Euskadi (Ikerbasque) e Cataluña (Icrea) que tería como obxectivo de facer da ciencia un factor estratéxico para o desenvolvemento de Galiza.