Olalla Rodil: "Os cartos da cultura non poden gastarse en cemento e ladrillo"
- A candidata do BNG dixo que “as políticas culturais que propón o BNG son para que o tecido asociativo, a industria cultural e artistas poidan desenvolver a súa actividade”
- Olalla Rodil lembrou que o custo da construción e da posta en marcha do novo auditorio de Lugo ronda os 20 millóns de euros “e isto non revirte na creatividade nin na cultura”
A candidata do BNG por Lugo, Olalla Rodil visitou hoxe o edificio do novo Auditorio de Lugo, acompañada de concelleiros do BNG no concello de Lugo e do número 2 da candidatura, Mario Outeiro. Rodil dixo que “as políticas culturais que propón o BNG son para que o tecido asociativo, a industria cultural e artistas poidan desenvolver a súa actividade” e engadiu que “Os cartos da cultura non poden gastarse en cemento e ladrillo”.
Rodil cualificou de “paradigmático” que o novo auditorio de Lugo “continúe pechado, sen dotacións e sen acordos entre as institucións que gobernan PP e PSOE para poñelo a funcionar”. A candidata do BNG asegurou que “é unha mostra máis de que o resto do forzas non teñen propostas de política cultural máis aló de facer edificios e entregarlles cartos públicos ás grandes construtoras”. “O caso de Lugo é extensible a outras moitas vilas e cidades galegas onde os cartos que deberían ir destinados á promoción cultural se destinan ao ladrillo” dixo Rodil.
A candidata por Lugo lamentou que “Lugo continúe con novo auditorio pechado despois do grande investimento que se fixo nesta obra” e sinalou que “para o goberno de Feijóo e para o goberno municipal de Lugo é máis sinxelo que este edifico permaneza pechado por que non saben como xestionalo nin teñen vontade para que as persoas que traballan no eido cultural o ocupen coas súas propostas artísticas e de dinamización cultural”.