Olalla Rodil: “O BNG é a única forza que ten demostrado que aparta ao PP do goberno alí onde ten posibilidade”
- O BNG presentou en Monforte a candidatura ás elección galegas do 25 de setembro e ás persoas que representan á comarca sur de Lugo na lista nacionalista
- Rodil puxo como exemplo “da seriedade do BNG” ao goberno municipal da Pobra do Brollón
A candidata do BNG por Lugo, Olalla Rodil, participou, en Monforte, no acto de presentación da candidatura nacionalista ás eleccións galegas do 25 de setembro. O acto estivo respaladado por cargos institucionais e orgánicos do BNG nos concellos da comarca. Entre as persoas que forman parte da candidatura do BNG, procedentes do sur da provincia están a concelleira da Pobra do Brollón, Mónica Rodríguez Vázquez, o concelleiro en Monforte, . Emilio Sánchez Iglesias, o edil de Taboada, Xosé Antón Ledo e o profesor de historia no Instituto de Chantada, André Sánchez Lavandeira.
Olalla Rodil asegurou, na súa intervención, que “o BNG é a única forza que ten demostrado que aparta ao PP do goberno alí onde ten posibilidade” e sinalou que “o país xógase, nestas eleccións, recuperar o dereito que nos roubaron no 2009 a seguir avanzando”. Rodil, que criticou as políticas de Núñez Feijoo e do PP na Xunta manifestou que “apoiar ao BNG significa sacar ao PP da Xunta e abrir un tempo novo para recuperar c apacidade de decisión sobre o que nos afecta nas nosas vidas”.
Rodil avanzou que despois das eleccións do 25 de setembro pode “abrirse un tempo novo para Galiza” e dixo que o BNG estará ahí para “comenzar a construir o país no que mereza a alegría e non a pena vivir”. A candidata do Bloque Nacionalista Galego avanzou que as propostas programáticas da forza que representa servirán para “poñer a funcionar os sectores económicos e reactivar a economía do país”.
As propostas do BNG están dirixidas a “que o cambio qu ese produza o 25 de setembro poña por diante ás persoas sobre os intereses das multinacionais e da banca”. “Queremos que a xente coñeza a alternativa que representa o BNG, un proxecto político serio que está avalado por gobernos municipais como o da Pobra de Brollón, Ribadeo ou Rianxo” afirmou Olalla Rodil e lembrou “o traballo que desenvolveu o BNG na Xunta de Galiza ata o ano 2009 e a repercusión das políticas levadas a cabo naquel momento dende consellerías como a do Medio Rural”.