Olalla Rodil: "O BNG non vai deixar caer a fábrica de ALCOA nin os empregos"
Olalla Rodil abriu a campaña nacionalista en San Cibrao, “capital da loita pola industria deste país”, nun acto público no que tamén participaron todos os mariñaos da candidatura ao Parlamento
Dani Castro presentou o BNG como a alternativa que “cre nas potencialidades do país e da Mariña e que pode ofrecer un futuro á mocidade”
Acompañada por todas as mariñas e mariñáns que forman parte da candidatura nacionalista á camara galega Dani Castro, Miriam Bermúdez, Diego Fernández, Marco López e Andrea Martins, Rodil asegurou que "o BNG non vai deixar caer a fábrica de aluminio"."Non imos permitir que se destrúa un só posto de traballo nin que se paralice a produción de aluminio no país. A industria é un sector estratéxico. Galiza ten que facerse valer e defender o mantemento dos postos de traballo. A nosa posición é clara. É necesario, urxente e legal nacionalizar a empresa a través dunha intervención pública conxunta da Xunta e do Goberno do Estado", sostivo.
"Se o BNG lidera o cambio político neste país a partir do 12 de xullo, o primeiro que fará o BNG é poñer enriba da esa unha participación pública para salvar os postos de traballo e a produción industrial en San Cibrao", compremeteu. "Isto non vai do futuro de ningunha multinacional, de ningunha empresa, se non do futuro de milleiros de familias, da Mariña e do futuro industrial de Galiza", afirmou Rodil.
"A situación na que nos atopamos é responsabilidade das forzas políticas estatais", dixo Olalla Rodil para argumentar que "o que fai falta é abrir un novo ciclo político, liderado por unha forza como o BNG, coas mans libres para defender sempre e en calquera lugar os intereses de Galiza”.
Fronte a esta realidade, Castro avalou a alternativa dun BNG que “cre nas potencialidades do país e da Mariña e que pode ofrecer un futuro á mocidade”. “Hai que votar BNG para acabar co espolio enerxético, hai que votar BNG para facer valer o noso sector pesqueiro e hai que votar o BNG, entre moitas outras cousas, para que Alcoa, o motor da Mariña, non leve consigo o traballo de moitos mariñaos e mariñás. Quedan 2 semanas para botar a Feijóo do goberno.Queda traballo, pero ímolo conseguir. Imos iniciar esa Mariña con futuro, imos iniciar un nova Galiza!”, arengou o mariñao na Casa da Cultura de San Cibrao, cun gran interés por parte da veciñanza para escoitar aos candidatos nacionalistas ao Parlamento galego.