Olalla Rodil apelou ao voto das persoas desencantadas e indecisas para “abrir un tempo novo”
- “Temos que traducir en votos a mobilización e ilusión que xenerou o efecto Pontón” dixo Olalla Rodil que participou na bici-campaña do BNG en Lugo
- A candidata do BNG por Lugo dixo que “nesta campaña demostrouse que somos a proposta verdadeiramente transformadora”
Na última xornada da campaña electora, a candidata do BNG por Lugo, Olalla Rodil, apelou ao voto das persoas que están desencantadas e indecisas. Rodil dixo que “imos abrir un tempo novo e para iso precisamos o apoio de todas as galegas e galegos”. A candidata do BNG por Lugo dixo que “nesta campaña demostrouse que somos a proposta verdadeiramente transformadora” e dirixiuse “a todas as persoas que, durante esta campaña, viron en Ana Pontón e no BNG un proxecto serio, válido e ilusionante” para pedirlles o seu voto este domingo.
“Temos que traducir en votos a mobilización e ilusión que xenerou o efecto Pontón” dixo Olalla Rodil que participou na bici-campaña do BNG en Lugo e lembrou que “en Lugo e Ourense vaise xogar a maioría do partido popular nos escanos que disputa co BNG”. “No caso de Lugo ou o escano é para o BNG ou para o PP” asegurou Rodil. Para Olalla Rodil “non se trata unicamente de sacar ao PP do goberno da Xunta, hai que ter un proxecto político e o BNG ten proxecto para este país” e engadiu “o BNG ten experiencia de goberno nos concellos, nas deputacións e na propia Xunta de Galiza e temos demostrado que os pasos do BNG polos gobernos é bon para as persoas”.
A candidata por Lugo pediu o apoio a todos os galegos e galegas, -votasen o que votasen en anteriores eleccións-, “porque temos un proxecto capaz de sacar Galiza adiante, porque somos garantía de que Feijóo non vai ter segundas oportunidades tras o 25S, e sei que hai moita hoxe desencantada co espectáculo das forzas estatais, que nin deron unha alternativa ao PP nin aproveitaron a súa minoría para derogar leis inxustas como as contrarreformas laborais, a lei mordaza ou a LOMCE”. “O BNG non lle vai fallar a xente deste país”, sintetizou.
Olalla Rodil pechou a campaña, xunto con militantes e simpatizantes, nun acto en Sarria, no que participaron, tamén, o número dous da candidatura, Mario Outeiro e a concelleira do BNG en Sarria, Mónica López. Durante a xornada de reflexión Olalla Rodil estará con familiares en amigos na súa vila natal na Ribeira de Piquín.