Olalla Rodil: “O 12 de xullo as galegas temos que recuperar os dereitos lingüísticos perdidos”
A candidata do BNG por Lugo mantivo unha xuntanza con colectivos vencellados á normalización lingüística para presentar as propostas programáticas da fronte de cara ao 12X
Rodil declarou que “a situación do galego é alarmante despois de once anos de políticas galegófobas do Partido Popular”
A cabeza de lista do BNG por Lugo, Olalla Rodil, mantivo un encontro con persoas vencelladas á normalización lingüística para presentar as propostas da fronte de cara ás eleccións do 12 de xullo. Rodil manifestou que “once anos de políticas galegófobas do PP levaron á nosa lingua a unha situación de emerxencia pola perda de falantes, especialmente entre a mocidade”.
Na xuntanza, Rodil recibiu o Plan de Normalización do Galego asinado pola Mesa pola Normalización Lingüística, as ANPAS galegas, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a Nova Escola Galega, ademais da CIG, o CSIF, e o STEG.
“Debemos pór freo ao maltrato que sofren diariamente as galegofalantes na súa vida cotiá”, afirmou Olalla Rodil, que engadiu “desde o BNG defendemos sempre, e aplicaremos desde o goberno da Xunta, políticas que fomenten o uso da nosa lingua e non a condenen ao ostracismo, políticas moi similares ás que nos veñen de presentar estas asociacións ”.
O BNG eliminará, nada máis chegar ao goberno da Xunta de Galiza o decreto de plurilingüismo do Partido Popular, “o famoso decretazo antigalego de Feixóo que fixo retroceder á nosa lingua en falantes a números nunca antes vistos”, afirmou Olalla Rodil.
Para a candidata do BNG, “para aumentar o número de persoas con competencias en galego temos que crear contidos na nosa lingua”. Olalla Rodil afirmou que “o goberno que o BNG liderará a partir do 12 de xullo garantirá a correcta utilización do galego, a promoción deste nos medios de comunicación públicos da Galiza e a inversión en tradución e creación de contidos destinados para o lecer e audiovisuais en galego”.
“Debemos garantir tamén as competencias de todas as traballadoras e traballadores públicos na nosa lingua”, afirmou Olalla Rodil, que explicou que “non pode haber unha médica nunha vila do rural que non poida comunicarse coa veciñanza á que atende por non saber galego”. “Debemos promocionar tamén o galego no eido da empresa privada, tanto para garantir o dereito das galegas e galegos á atención na nosa lingua como para abrir as nosas fronteiras de cara aos países lusófonos”, declarou Rodil.
“Este 12 de xullo a nosa lingua ten dúas opcións, ou continuar coas políticas do PP que desterran ao galego á irrelevancia e á invisibilización ou darlle a volta á situación e facer historia poñendo a Ana Pontón á fronte dunha Xunta de Galiza comprometida co galego e con todas as persoas galegofalantes”, sentenciou Olalla Rodil.