municipais 2023

Olaia Ledo: “É o momento dun BNG forte liderando o Concello de Narón para solucionar os problemas da veciñanza”

Narón

A frente nacionalista erixe a Olaia Ledo como a alcaldesa que Narón precisa para defender os intereses dos veciños e veciñas

Néstor Rego sinala a necesidade de contar cun goberno municipal en Narón liderado polo BNG para “desbloquear os proxectos pendentes” e mellorar a vida da veciñanza a través de máis servizos e mellores dotacións

O BNG comprométese a xestionar o arranxo dos accesos da Estación de ferrocarril e continuar a traballar para a recuperación de servizos e implantar os servizos de cercanías

O Bloque Nacionalista Galego comprométese a traballar na defensa dos intereses de Narón liderando o vindeiro goberno municipal frente ao resto de institucións para mellorar a calidade de vida da veciñanza, a través de máis servizos e mellores dotacións. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, erixe a Olaia Ledo como a alcaldesa que precisa Narón e rematar coa pasividade, a inacción e o desleixo por parte do actual goberno municipal, desbloquear os proxectos pendentes e arranxar espazos como o da estación de ferrocarril en Xuvia, coa súa reparación e coa posta en marcha de novos servizos como as cercanías ferroviarias.

“O BNG foi, durante estes catros anos, a voz do pobo no Concello e a voz de Narón no Parlamento de Galiza, no Congreso e no Parlamento Europeo” sinala a candidata á alcaldía. Así mesmo, puxo en valor o traballo realizado para solucionar diversos problemas que afectaban á veciñanza de Narón: “demandamos a recuperación do persoal da estación de Xuvia, do persoal de Correos, a posta en valor do Muíño das Aceas, o caso dos desafiuzamentos por parte da SAREB, o arranxo dos apeadoiros e mesmo a construción dunha residencia para as persoas idosas” enumera a candidata do BNG á alcaldía.  

Ledo adianta o compromiso da organización nacionalista coa cidadanía de Narón e erixe o BNG como “a ferramenta máis útil que ten o pobo galego para defender Galiza e os seus intereses”. Neste sentido, destaca o papel fundamental que tivo o deputado do BNG no Congreso durante esta lexislatura e avanza que, na vindeira lexislatura, “o BNG terá un grupo parlamentario na cámara baixa para defender con máis forza os intereses dos galegos e galegas”. “Sabemos que ó momento do BNG e que un Concello do BNG forte fará que todos estes problemas que ten Narón teñan solución” afirma Olaia Ledo.

Pola súa parte, o deputado do BNG no Congreso lembra as iniciativas rexistradas para que o Goberno do Estado levase a cabo o arranxo na vía de acceso e o entorno da estación de ferrocarril de Xuvia. “É necesario o acondicionamento da vía porque o seu estado actual é lamentábel e dificulta o tránsito, para os vehículos e as persoas” sinala. Sorprendentemente, explica Rego, a resposta do executivo é que, tanto o acceso como a zona do aparcamento son competencia do goberno municipal. Neste sentido, o deputado nacionalista sinala a necesidade de ter un goberno liderado polo BNG no Concello de Narón “para desbloquear este proxecto e arranxar, dunha vez por todas, este espazo”.

“Presentamos emendas nos sucesivos proxectos de Orzamentos do Estado, así como numerosas iniciativas no Congreso, para reverter a situación de desmantelamento da liña do FEVE mais os partidos do Goberno -PSOE e U- votaron sistematicamente en contra” recorda Néstor Rego. No concreto, continúa, a frente nacionalista defende a mellora da rede de infraestruturas, o arranxo dos apeadeiros -como a estación de Xuvia- e pasos da rede, así como a implantación do servizo de cercanías. “Seguimos a reclamar esta mellora das infraestruturas e o aumento de persoal para garantir a prestación do servizo ferroviario tanto para pasaxeiros como para mercadorías” reivindica.