Ofensiva social e política do BNG en defensa dunha AP-9 galega e libre de peaxes
- Propón un pacto cas forzas políticas e mobilizar á cidadanía para acabar cunha “estafa legalizada” que obriga a 20.000 galeg@s a pagar 300.000 € diarios a Audasa
- Pontón convida a participar masivamente no acto de protesta do 26N abonando os importes con céntimos en todas as peaxes da AP-9
O BNG lanza unha ofensiva política e de mobilización social baixo o lema AP9 galega e sen peaxes como novo paso no obxectivo de acadar a transferencia desta autoestrada e poñer fin ao que cualifica de“estafa legalizada” das peaxes, nas que 20.000 galeg@s desembolsan 300.000 euros diarios a Audasa, unha media de 15€ por día e usuario, nun país que ten os segundos salarios máis baixos do Estado.
Nun acto a pé da autoestrada en Santiago, a portavoz nacional, Ana Pontón, anunciou a disposición do Bloque de establecer un pacto de país con todas as forzas políticas, e un pacto social buscando a implicación do conxunto da cidadanía a través dunha campaña reivindicativa que terá o primeiro acto de protesta o 26 de novembro ás 11.00H co pago simbólico en céntimos en todas as peaxes da AP9, ao que convidou á participación masiva.
“Queremos acabar co dislate de que viaxar da Coruña a Vigo (130Km) sexa máis caro en peaxes que viaxar desde Coruña a Madrid (500KM)”, salientou Pontón, tras denunciar a distinta vara de medir que aplica o Goberno de Rajoy segundo se trate das autoestradas madrileñas ou das galegas.
“A día de hoxe hai dúas cuestións claras: que o Goberno do PP manobra para vetar o debate no Congreso da petición unánime do Parlamento galego a favor da transferencia, e que Rajoy ten 5.000, 6.000 millóns de euros, os que fagan falta, para rescatar as radiais propiedade da banca e das grandes construtoras, pero non está disposto a poñer nin un euro para rescatar a AP9”, denunciou Pontón.
Ante esta situación, a portavoz nacionalista reitera a disposición do Bloque a facer unha fronte común.
“Díxenllo a Feijóo no debate de investidura e volvo repetilo agora, o BNG está disposto a facer un pacto de país entre todas as forzas políticas, primeiro para que se leve a cabo ese debate e a transferencia da AP9 e, en segundo lugar, para que non se permita rescatar con fondos públicos a banca e as construtoras propietarias das radiais mentres se di que non hai un só euro para rescatar aos galegos e galegas desta estafa legalizada das peaxes”, argumentou.
Dentro desa ofensiva política e de mobilización cidadán, o BNG estreará a lexislatura interpelando ao presidente da Xunta sobre a AP9 na primeira sesión de control ao Goberno o vindeiro mércores.
E dentro da campaña de reivindicación social, a formación nacionalista xa comezou a manter encontros con distintos colectivos económicos, sectoriais e veciñais, a defender iniciativas en todos os concellos afectados e colocará pancartas ao longo de toda ao autoestrada co lema AP9 galega e sen peaxes, así como a distribución masiva de folletos informativos cos datos máis relevantes que avalan a lexitimidade da reclamación.
As cifras son elocuentes: Os galegos e galegas levan pagado 2.200 millóns de euros pola AP9, o que supón un beneficio neto para as concesionarias de 744 millóns de euros, e así está previsto ata 2048. 75 anos de concesión, 1973-2048, tras a prorroga máxima concedida por un goberno do PP.
“É intolerable que a principal vía de comunicación de Galiza se converta nunha barreira para desprazarse dentro do país e non poda ser usada por miles de persoas incapaces de asumir as peaxes máis caras do Estado”, concluíu Pontón.