Nova reunión do BNG co Grupo Socialista para negociar aspectos claves da Axenda Galega
O deputado no Congreso Néstor Rego, xunto a Goretti Sanmartín e Rubén Cela, membros da executiva nacional do Bloque Nacionalista Galego, reuníronse hoxe en Madrid co Grupo Socialista para negociar un posíbel acordo arredor de aspectos claves da Axenda Galega.
O BNG leva á mesa de negociación cuestións vitais para intentar solucionar algunhas das necesidades máis urxentes do noso país, no caso de se constituír finalmente goberno para esta lexislatura. Entre as propostas que se trataron está a de reforzar a capacidade de decisión do autogoberno galego coa transferencia da AP-9, así como a baixada das peaxes. Tamén cabe salientar a aposta pola creación dun Estatuto de Empresas Electrointesivas, as transferencias pendentes a Galiza, a problemática do e das emigrantes retornadas ou a creación de máis Xulgados de Violencia de Xénero entre outras moitas propostas.
A transferencia da AP-9 e a consecución de rebaixas e bonificacións nas súas peaxes é imprescindíbel para o BNG por ser unha das maneiras de rematar cunha discriminación histórica do noso país. No caso do Estatuto de Empresas Electrointensivas trátase de buscar unha solución á crise industrial que afecta a varias localidades e comarcas do país poñendo en risco un importante número de postos de traballo. A respecto das transferencias, compre lembrar que Feixoo leva unha década sen conseguir nin unha soa transferencia para Galiza cando hai cuestións que é urxente xestionarmos de maneira directa como as transferencias de Salvamento Marítimo como puidemos ver no caso do accidente do Blue Star. Rematar coa discriminación das persoas emigrantes retornadas e outra das reclamacións que o BNG puxo enriba da mesa, así como, a creación de máis Xulgados de Violencia de Xénero nas cidades do noso país.
As negociacións co Partido Socialista seguen abertas á espera dunha nova xuntaza para acadar un acordo favorábel para a sociedade galega dentro do proceso de procura dun novo goberno para esta lexislatura.