Nova ofensiva do BNG para conseguir unha AP-9 galega e libre de peaxes ante a “oportunidade de ouro” aberta por Europa
O expediente da CE crea unha vía para anular a concesión, asumir a xestión directa e por fin ás peaxes abusivas que pagan aos galegos e galegas, sostén Luís Bará
“A Xunta do PP, tan dada a axitar o galiñeiro contra o Goberno central, actúa neste caso como cómplice diante dunha situación moi gravosa para Galiza”
O BNG porá en marcha unha nova ofensiva institucional para conseguir unha AP-9 galega e libre de peaxes, unha vella reivindicación de País que colle pulo diante da “oportunidade de ouro” que supón o expediente de infracción aberto pola Comisión Europea ao Goberno de España pola prórroga da concesión feita no ano 2000 “incumprindo a normativa europea vixente”, segundo subliñou o portavoz nacionalista en Infraestruturas, Luís Bará.
“Esta é unha oportunidade de ouro para conseguir unha AP-9 galega e libre de peaxes”, asegurou o deputado do Bloque, para quen o novo expediente da Comisión fai máis doado que se cumpran os acordos do Parlamento de Galiza respecto desta infraestrutura e que as competencias sobre a mesma sexan transferencias á Xunta.
Bará avogou así por aproveitar a “vía aberta” para anular a concesión da autoestrada, asumir a xestión directa e suprimir as peaxes abusivas que “pagamos os galegos e as galegas dende o 18 de agosto do ano pasado como consecuencia da decisión do Goberno do PP de José María Aznar”, precisou en alusión á data na que debería ter finalizado a concesión se non se concedese a prórroga que agora cuestionan, pola ausencia de concurso público, as institucións comunitarias.
Diante do novo escenario, o BNG reactivará e intensificará unha ofensiva nas institucións, nomeadamente no Congreso e no Senado, no Parlamento Europeo e no Parlamento de Galiza, onde hoxe mesmo rexistrou unha iniciativa co obxectivo de que o Goberno do Estado, en coherencia co procedemento aberto pola Comisión inicie os trámites para anular a prórroga de 25 anos.
Unha prórroga, lembrou o deputado por Pontevedra, que chega ao ano 2048 e que alongou a concesión até o máximo legal permitido (75 anos), situación que no conxunto do Estado só se produce noutra autoestrada galega, a AP-53, e na que vai de León a Campomanes, en Castela e León.
Ademais de solicitar ao Estado a xestión directa, a supresión das peaxes abusivas e a transferencia a Galiza das competencias, a iniciativa do BNG propón que a Xunta sexa “parte activa” deste procedemento e encargue un estudo sobre a viabilidade de anular a concesión da AP-9 e rescatar a infraestrutura para o público. Un estudo que, segundo a proposta do BNG, debería explorar as vías xurídicas para anular a prórroga “concedida irregularmente” e cuantificar o custe económico que tería para o Estado a asunción da xestión directa da AP-9 e a supresión das peaxes.
O deputado do Bloque lembrou, neste sentido, que xa se fixeron cálculos sobre as “cantidades astronómicas”, en torno aos 1.500 millóns de euros, que ten que pagar o Goberno do Estado polas bonificacións das peaxes e as peaxes na sombra, o que leva a pensar en que co rescate “as contas sairían a favor”.
“Galiza sofre un agravio e unha discriminación evidente no caso da AP-9 e con respecto a outras autoestradas da mesma época que foron rescatadas no 2018 e pasaron a ser gratuítas”, denunciou Bará nunha rolda de prensa na que subliñou que as peaxes “son un gran lastre para a economía de Galiza, para o seu desenvolvemento e para os petos dos galegos e as galegas”.
Bará amosou a súa “estrañeza” polo feito de que a Comisión Europea reabra agora un procedemento que xa fora aberto no ano 2021 a raíz dunha denuncia da asociación En Colectivo pola prórroga concedida polo Goberno de Aznar, precedida por outra asinada no 94 estando o PSOE no Executivo. “Por estas decisións estamos pagando unhas peaxes abusivas só reducidas polas bonificacións recollidas no acordo de investidura asinado polo BNG”, engadiu.
O portavoz de Infraestruturas do Goberno alternativo co que o BNG traballará dende a oposición a favor de Galiza emprazou á Xunta a “non poñerse de perfil” ante a nova situación e, neste sentido, lamentou que o Goberno do PP na Xunta comparta posición co do PSOE no Estado, defendendo a legalidade e vixencia da concesión. “O Goberno do PP, tan dado a facer sobreactuacións e axitar o galiñeiro contra o Goberno central, neste caso ten unha actitude de conformidade e de complicidade con esta situación gravosa para Galiza”, lamentou.