Noa Presas: “Temos un potencial enorme e o compromiso do BNG é desenvolvelo a partir do 12X”
A formación nacionalista comprométese a impulsar medidas que favorezan a incorporación de mozas á actividade agro gandeira
Presas destaca a composición da candidatura que encabeza con persoas como Santi Rodríguez, mozo agricultor afincado no rural ourensán
A candidata do BNG por Ourense, Noa Presas, visitou unha nova explotación agrícola en Cartelle que reflexa o que a súa formación quere para o resto de Ourense e o país: darlle unha segunda vida ás terras que están abandonadas. Presas comprometeuse a acompañar ás agricultoras ademais de contribuír na loxística para que a veciñanza poida acceder a alimentos de proximidade e calidade.
Durante a visita á explotación no Concello de Cartelle a candidata, acompañada por Santi Rodríguez, mozo agricultor e candidato da formación, puxo en valor a valentía e as dificultades de emprender un proxecto destas características e a decisión de instalarse na circunscrición de Ourense. Rodríguez decidiu darlle unha “segunda vida” ás terras que estaban abandonadas e “estaban a monte” concretamente no Concello de Cartelle.
Presas afirmou que “esta iniciativa representa o que o BNG quere facer a partir do 12X en todo o país e en todo Ourense”. Asegurou que representa ese Ourense que “non se resigna” e que necesita que a partir das eleccións haxa un cambio político para que o rural ourensán por fin teña unha oportunidade despois de 11 anos de inacción.
“Temos un potencial enorme e o compromiso do BNG é desenvolvelo. Non podemos permitir que a día de hoxe a metade da superficie agraria da circunscrición estea directamente creando toxos”. Con este obxectivo, a cabeza de lista do BNG apuntou que a súa formación ten “propostas ambiciosas como elaborar un novo plan de agricultura ecolóxica con medidas específicas para a incorporación da mocidade como asegurar o acompañamento técnico durante os cinco primeiros anos dos proxectos para que se poidan estabilizar e instalar con seguridade”.
Paralelamente, indicou que é preciso incluír no novo Plan de desenvolvemento Rural 2021-2027 medidas efectivas e acceso real á titularidade das explotacións agrarias por parte das mulleres. Desde a organización nacionalista tamén se presentan a estes comicios para facilitar o acceso á terra, a través do Banco de Terras e outros mecanismos, e acompañar este proceso de recuperación do medio rural co aumento dos servizos públicos no núcleos rurais desmantelados durante estes once anos.
Asemade, a candidata sinalou que habilitarán políticas para colaborar na loxística co obxectivo de “conseguir levar os produtos ao mercado e favorecer que toda a poboación poida acceder a unha alimentación de proximidade e de gran calidade” . Presas apuntou que é necesario impulsar tamén a extensificación dos sistemas produtivos mediante a mobilización dos recursos propios e volveu incidir na necesaria intervención das administracións públicas para “pechar o ciclo de produción” sen a necesidade de exportar a materia prima e poder transformala no noso territorio.
Aposta pola mocidade e posta en valor do rural
A cabeza de lista do BNG por Ourense tamén destacou que a candidatura da formación nacionalista conta con persoas de todas os sectores e mestura experiencia e xuventude. Un exemplo “é Santi Rodríguez, un mozo que apostou por ficar no rural aquí en Cartelle” e comezou a darlle unha segunda vida a todas as terras que ficaron abandonadas.
Así mesmo, Presas concluíu que é preciso un cambio político en Galiza para que, coma Santi Rodríguez, poidan instalarse no rural e desenvolver a súa vida laboral e vital no país. A partir do 12X comprométese a poñer en valor os sectores produtivos e o sector agro gandeiro ademais de reforzar os servizos sociais.