Noa Presas: "@s emigrantes retornad@s Sodes un exemplo de resistencia e de dignidade e estaremos ao voso lado ata o final”
- Ana Pontón, candidata do BNG á Presidencia da Xunta, e a número 1 da lista por Ourense participaron nunha manifestación do colectivo de emigrantes retornados en Ourense
“Sodes un exemplo de resistencia e dignidade. Levades tres anos nesta loita e nós estaremos ao voso lado ata o final”, dixo Noa Presas, cabeza de lista do BNG por Ourense, no comezo da manifestación do colectivo de emigrantes retornados, a segunda que se convoca a nivel nacional despois da de Vilagarcía a semana pasada -este sábado estarán en Ribeira-. “Fronte ao abuso do señor Montoro e da Hacienda do Estado, a vosa resistencia deu froitos e serve de exemplo para os máis novos de que non cabe a resignación”, incidiu Presas, que recordou a loita incansábel de Tereixa Paz nos seus anos como parlamentaria en defensa do colectivo.
A manifestación, na que participaron medio cento de persoas, transitou desde a Alameda ata a delegación de Hacienda, lugar habitual das concentracións dos emigrantes retornados en Ourense.