Noa Presas: “resulta imposible vivir con dignidade sen empregar a enerxía eléctrica”
A portavoz de economía do BNG, Noa Presas reclamou, a través dunha proposición non de lei, rebaixar o IVE do recibo da luz “do 21% ao 4%”, porque “resulta imposible vivir con dignidade sen empregar a enerxía eléctrica”. A parlamentaria do BNG recalca que a enerxía “non é un luxo , é un dereito”.
A deputada do BNG lamentou que o portavoz popular, Miguel Tellado criticara a proposta nacionalista demostrando, unha vez máis, que o goberno do PP fía a súa política aos intereses das grandes empresas eléctricas e desoe a reclamación de miles de galegos que piden esta rebaixa no recibo da luz.
Na súa intervención, a nacionalista insistiu en que “non se pode pensar na educación, na alimentación ou na saúde das persoas sen subministro eléctrico”. E tampouco se concibe o dereito á vivenda sen que esta dispoña de electricidade.
Para a deputada, o imposto do 21%, constata a “irracionalidade dun sistema impositivo que grava a enerxía eléctrica como un produto prescindible”. Na súa opinión, esta concepción reflicte dúas maneiras de lexislar sobre a enerxía, “como un ben público ou como un ben de especulación ao servizo do oligopolio eléctrico”.
Dende o BNG, reiterou, defendemos unha enerxía como ben de primeira necesidade e como tal gravado pero non “co tipo máis alto,” por iso, reclamamos “un IVE superreducido como o dos alimentos básicos ou o dos medicamentos”.
A deputada criticou que o prezo sexa marcado polas tecnoloxías máis caras e resulta irónico, enfatizou, que nun país como Galiza, “rico en produción” paguemos máis cara a luz. Ao seu xuízo, é un “disparate” que a estas alturas “non teñamos unha tarifa eléctrica galega” que compense o impacto social e ambiental derivado da produción.
“Canto máis tarden PP e PSOE en asumir a defensa dos intereses galegos fronte aos intereses dos seus partidos en Madrid peor lle irá aos galegos e galegas”, sentenciou.
Noa Presas explicou que o goberno español non actuou con contundencia diante das escaladas deste 2021 e impulsou unha modificación da tarifa lesiva que comezou cun récord histórico de prezo na luz acadando 95 €/Mwh durante unha vaga de frío que deixaba a case toda Galiza baixo cero durante os dez primeiros días do ano.
Esta situación é insoportable e require de moitos cambios: “rectificar esta nova factura, fixar novos mecanismos para o prezo e apostar por unha tarifa eléctrica galega”. Temos un dos IVEs máis altos de Europa ao que hai que sumar outros costes como imposto Especial de Electricidade, cun tipo do 5,1% sobre a facturación eléctrica, unha imposición para manter a recadación do Estado. “Só co imposto especial de electricidade, os orzamentos do Estado recadarán máis de 1.300 millóns de euros para este ano” e a pregunta é, a costa de quen?
É falso que a UE non permita rebaixar o IVE e temos un exemplo moi cercano como portugués que en maio de 2019 baixou o IVE da parte fixa da factura do 23% ao 6%. Máis recentemente apostaron por un modelo progresivo segundo o consumo cun 13% ata os 100 primeiros quilovatios hora de consumo mensual e “Europa informou de que non tiña obxeccións á medida, que non distorsiona os principios de neutralidade e de competencia”, polo tanto, afirmou a nacionalista, o problema non é Europa, concluíu.