Noa Presas reclama á Xunta medidas para loitar contra o envellecemento e o despoboamento en Ourense
A deputada por Ourense Noa Presas trasladou ao Parlamento a situación de envellecemento e perda de poboación que soportan a maior parte dos concellos da provincia lastrando o seu desenvolvemento económico e social, e reclamou da Xunta medidas concretas e urxentes para cambiar esta tendencia.
“Estamos aborrecidas de liderar as peores estatísticas e urxe un xiro das políticas económicas e das políticas específicas para a provincia de Ourense”, salientou Presas durante a súa interpelación ao Goberno, tras advertir que un dos problemas estruturais “máis graves” é o avellentamento da poboación e o incremento de poboación xubilada e pensionista, “moi por riba dos índices tanto de poboación activa como de poboación efectivamente ocupada”.
Segundo datos do IGE, en 2016 a metade dos concellos galegos tiñan máis poboación cobrando unha pensión contributiva que cotizando á Seguridade Social. “O panorama galego é preocupante pero aínda o é máis o de Ourense”, lamentou Presas, onde hai concellos, -O Irixo, Beariz, Avión, Quintela de Leirado, Verea, Porqueira, Calvos de Randín, Vilardevós, Laza, A Teixeira e O Bolo-, nos que a cifra de pensionistas duplica a de afiliad@s á seguridade social.
“A provincia perdeu un 8% de poboación desde que Feijóo e presidente da Xunta”, salientou a deputada, situando Ourense como a quinta provincia do Estado co descenso de poboación máis elevado en termos porcentuais, 3.015 persoas menos só en 2016.
O INE sinala que a poboación da provincia baixará dos 300.000 habitantes nunha década, 12.000 residentes menos. “Menos poboación, menos poboación traballadora e máis poboación envellecida, liderando a crise demográfica galega que o PP pretende arranxar cun observatorio”, ironizou Presas, tras lembrar o compromiso do Goberno de que esta sería a lexislatura do rural.
“Pero esa política a favor do rural limítase a parches e falta de xestión”, denunciou, citando como exemplo o caso dun mozo de 30 anos, Santi, empeñado en saír adiante no rural ourensá.
“Ten unha pequena explotación de horta é autónomo. En febreiro de 2016 pediu unha subvención para ampliar os terreos. En decembro de 2016 chégalle a carta da aprobación da subvención, co primeiro pago do 60% da subvención nos primeiros nove meses. Pese a este longo período de prazo, Santí aínda segue esperando o ingreso. Agarda mentres facía equilibrios financeiros: xeada e seca. E a Xunta empregando os Fondos de Continxencia para gasto corrente”, denunciou Presas. “con esta política afondan no abandono do rural e, polo tanto, na despoboación e non envellecemento da provincia”, concluíu.