Noa Presas reclama no parlamento servizo de cirurxía pediátrica as 24 horas no hospital de Ourense
Noa Presas: “Non estamos pedindo a lúa e preguntámonos por que os nenos e nenas de Ourense reciben unha sanidade de segunda”
A deputada por Ourense, Noa Presas, reclamou no Parlamento un servizo de cirurxía pediátrica as 24 horas para o Hospital de Ourense, que poña fin a unha situación na que os pais e as nais teñen que desprazarse a Vigo para que os nenos e as nenas reciban esta atención sanitaria.
“Non cree que é bastante triste que teñamos que vir a esta cámara a pedir atención de cirurxía pediátrica 24 horas no Hospital de Ourense?”, interpelou Presas ao conselleiro de Sanidade, porque “cando falamos de sanidade falamos da saúde das persoas, e cando falamos da cirurxía pediátrica das persoas máis vulnerábeis, dos nenos e nenas”.
A deputada alegou que a despoboación que sofre Ourense non se corrixe recortando prestacións sanitarias, e lembrou que a creación da denominada área de servizo compartido para o sur supuxo a desaparición deste servizo na provincia.
“Supón na práctica que as familias e as crianzas que precisan cirurxía pediátrica teñan que desprazarse a Vigo percorrendo distancias de 100 quilómetros desde Ourense, hora e media e 140 quilómetros desde Xinzo e ata 212 quilómetros e dúas horas desde o Barco ou A Gudiña”, argumentou, “iso se teñen coche porque usar o transporte público pode ser un imposible ademais de caro”.
Presas preguntoulle ao titular de Sanidade “por que os nenos e nenas de Ourense, de Xinzo, de Viana, de Valdeorras son de segunda?” ante a indiferenza da Xunta, posto que a situación empeorou nos últimos catro anos, cunha poboación infatil que supera os 30.000 nenos e nenas en toda a provincia.
“Temos información de cirurxías retrasadas, días nos que non hai en Ourense ningún profesional, listas de espera que incumpren o fixado pola lei e superan os 6 meses e ata preoperatorios caducados”, denunciou.
“Non pedimos a Lúa, pedimos cirurxía pediátrica 24 horas ao día, 365 días ao ano”, concluíu Presas, instando ao responsable de Sanidade “a poñerse na pel dos pais e das nais” e corrixir de inmediato a situación.