Noa Presas propón un debate público entre os candidatos en Ourense para que se fale de Ourense
Pensamos que o debate é a forma máis democrática de contrastar tanto as ideas como as propostas políticas como a capacidade das persoas para defendelas, dixo Noa Presas nun encontro con xornalistas.
o O BNG remitiu unha carta ás outras sete candidaturas que se presentan na provincia para que estuden a proposta.
O BNG remitiu esta mesma mañá unha carta coa proposta aos cabeza de lista de cada unha das outras sete candidaturas que se presentan ao Congreso na provincia.
Pensamos que o debate é a forma máis democrática de contrastar tanto as ideas, como as propostas políticas, como a capacidade das persoas para defendelas, subliñou Noa Presas que ofreceu a colaboración do BNG-Nós para traballar na organización e adiantou que iría ao debate sen ningún tipo de condicións previas. A candidata nacionalista tamén considerou que debería ser unha obrigación de calquera que se presentase a unhas eleccións someterse a este tipo de debates públicos con outros candidatos.
Presas recoñeceu que hai formacións que foxen dos debates e de explicar as súas propostas e sinalou como exemplo as dificultades que terá o PP para indicar a que valores e formas de xerar emprego e benestar se refería onte a candidata popular ao Senado, Miri Barreira. Non sei se os valores do PP en Ourense son os do tantos anos alcalde de Quintela, se a súa forma de xerar emprego e benestar familiar é a do alcalde de Quintela.
Respecto da próxima campaña electoral, Presas advertiu que os nosos principios do BNG non cambiaron e comentou que imos incidir nas propostas da última campaña porque durante estes seis meses os problemas de Ourense non se abordaron, perdeuse o tempo en Madrid e os problemas empeoraron. E sinalou que aspira a conseguir mellores resultados porque somos dunha xeración golpeada polo desemprego, pola violencia e pola emigración; somos unha xeración moi golpeada pero acostumada a levantarse e a loitar con ilusión por cambiar as cousas para poder traballar e vivir dignamente aquí.
Nunha entrevista a primeira hora da mañá en Radio Nacional, Noa Presas referiuse tamén ao papel que xogaría o BNG no futuro Congreso. Temos propostas para Ourense e para Galiza e moi claro ao que imos ir a Madrid: é unha prioridade desaloxar ao PP pero iso ten que ir acompañado dun proxecto político, non pode ser un mero slogan.