Noa Presas: “PP e PSOE teñen que levantar o veto á intervención pública en Alcoa”
Pide abrir o debate sobre o modelo enerxético e que Galiza ocupe unha posición de vantaxe cunha tarifa eléctrica propia
A deputada do BNG, Noa Presas recrimina ao PP e PSOE falta de propostas para un marco enerxético estable. Na súa opinión, é hora de que o Partido popular e Partido socialista “levanten o veto a abrir a porta a intervención pública” en Alcoa e lembrou que foi Aznar o que vendeu “a prezo de saldo” Inespal a Alcoa. De non ser así, afirma, hoxe teríamos “unha empresa pública no sector”.
Para a portavoz de Industria do BNG, a reunión prevista entre as administracións e a dirección de Alcoa, constatou “a falta de implicación do Estado e falta de peso político da Xunta de Galiza” que non foron sequera capaces de condicionar cambios para a próxima poxa de interrompibilidade, a pesar dos riscos que conleva para o sector e para a propia Alcoa.
A deputada do BNG reitera que a única alternativa é “a intervención pública” e abrir un debate sobre o modelo enerxético no que Galiza goce “dunha posición de vantaxe cunha tarifa eléctrica galega que permitiría beneficiarnos de posicións competitivas”.