Noa presas pide á Xunta que busque unha solución de consenso coa veciñanza na OU-531 ao seu paso por Mandrás
A deputada ourensá propón crear unha mesa de diálogo que inclúa á veciñanza e ao concello de Celanova
A deputada por Ourense, Noa Presas, trasladou ao Parlamento as demandas da veciñanza da Parroquia de Mandrás en relación á decisión da Xunta de pechar a liña descontinua da OU-531 ao seu paso por esta localidade, o que obriga agora as persoas usuarias a ter que desprazarse case un quilómetro para coller a dirección desexada para desprazase ao seus domicilios.
Presas reclamou ao Goberno galego que desista da súa actitude e busque unha solución de consenso coa veciñanza afectada, razón pola que tamén propuxo ao director da Axencia galega de infraestruturas, Francisco Méndez, crear unha mesa de diálogo na que se sume a Xunta, o concello de Celanova e a veciñanza, tendo en conta que o peche desa liña non obedece a que se trate dun punto negro, nin é unha zona da estrada de alta sinistralidade.
Desde que no pasado outono se levase a cabo unha necesaria mellora nesta estrada, a veciñanza está afectada por un novo trazado que causa moitos inconvenientes porque se suprimiu a liña descontinua que permitían xirar á esquerda ao vir desde Celanova e incorporarse á poboación.
“Coa reforma eliminouse no espazo principal do núcleo a posibilidade de xirar á esquerda no caso de proceder desde Celanova, e isto causa moitos inconvenientes posto que é ao lado esquerda da vía onde están case todas as casas, e agora obrígase á veciñanza a percorrer case un Km até a rotonda do polígono, engadindo a esta máis tráfico, algo que no caso de aumentar a actividade do polígono e nos picos de tráfico pesado pode causar problemas”, salienta Presas.
A deputada por Ourense pide á Xunta que escoite aos veciños e veciñas, xa que se ben é certo que calquera xiro á esquerda ten riscos, expoñen que se trata dunha zona de gran visibilidade, ancha polo cal cabería a posibilidade de ter un carril de desvío e espera para asegurar a incorporación segura. E, ademais, habería a posibilidade de reducir a velocidade nesta vía ao seu paso por Mandrás e mellorar así as expectativas de seguridade.
“Isto beneficiaría aos usuarios e ás usuarias do tráfico rodado e tamén as moitas persoas que van andar ou correr e tamén por ciclistas, eu mesma cando fun visitar a zona quedei sorprendida polo nivel de actividade, un día de semana contra as sete e media da tarde”, salientou Presas na Cámara.
Destacou mesmo os pequenos negocios que se ven prexudicados: unha granxa, unha perruquerría e unha panadería “que manteñen viva a zona, dos que comen moitas bocas e que se ven prexudicados”. Igualmente, suporía menos ruído e máis seguridade para as persoas que cruzan.
A deputada do Bloque, que lamentou que nin desde o Concello de Celanova nin desde a delegación territorial se dese unha resposta satisfactoria á veciñanza, demandou á Xunta que aporta unha solución de consenso para modificar o actual trazado do treito da OU-531 ao seu paso por Mandrás, garantindo o acceso desde o carril dereito sentido polígono á parte máis poboada da poboación, a redución da velocidade e a mellora da sinalización e seguridade integral, con especial atención á circulación de peóns e deportistas.
Para estes efectos constituirase unha mesa tripartita que implique ao Concello, á veciñanza e á propia administración galega, concluíu.