Noa Presas pide un plan de prevención específico para Ourense “dado o seu historial de incendios”
- Advirte da desestacionalización dos lumes, reclama ampliar as franxas de protección e activar o 100% do dispositivo contra os incendios
A deputada por Ourense, Noa Presas, pediu no Parlamento un plan de prevención específico para a provincia polo seu “historial de incendios” nun territorio que volveu ser “especialmente castigado en 2016”
“Concellos como Entrimo ou Lobios protagonizaron titulares informativos porque o Parque do Xurés volvía ser pasto das lapas, -tres anos consecutivos-“, lembrou Presas na súa petición a conselleira de Medio Rural.
“Ourense polo seu historial de incendios precisa dunha planificación e un plan de prevención específico, ademais de ser unha mostra do que pode pasar noutras partes do país afectado polas mesmas causas que están no fondo desta lacra como o despoboamento, o abandono do monte e a inadecuación do dispositivo”, indicou.
Presas salientou que o BNG sabe que se trata dunha cuestións de país e, por tanto, “non vimos con oportunismos, senón con propostas ante a chegada do período de maior risco para os lumes, aínda que no mes de abril houbo incendios case a diario”.
Neste sentido, advertiu que existe unha nova tipoloxía de lumes, unha desestacionalización que a Xunta non está a ter en conta e propuxo as medidas do Bloque no inmediato e a medio prazo.
“Entre as primeiras, a posta en marcha inmediata do dispositivo de extinción ao 100%, rozas masivas aumentando as franxas de protección das vivendas e das infraestruturas e, no medio prazo, medidas para corrixir as causas estruturais que están detrás dos lumes”, indicou.
“Para loitar contra os incendios, o Goberno terá sempre o apoio e as propostas do BNG, tanto no inmediato como para corrixir as causas estruturais”, concluíu.