Noa Presas: “A partir do 18F o BNG converterá, desde o goberno galego, a vellez nun dereito e non nun negocio”
Presas mantén un encontro con pensionistas para abordar as súas necesidades e trasladar as medidas que o BNG desenvolverá na Xunta de Galiza para mellorar a súa vida
Fortalecemento dos servizos públicos, creación do Servizo Galego de Benestar e incremento das pensións non contributivas de maneira inmediata en 100€: entre as primeiras medidas do BNG
A cabeza de lista do BNG, Noa Presas, mantén un café con pensionistas para trasladar as medidas que desenvolverán no goberno galego a partir do 18F. Presas avanza un novo modelo de avellentamento activo, reforzando os servizos públicos, a posta en marcha dun plan de garantía das pensións –incrementando as pensións non contributivas en 100€ de maneira inmediata- e un novo modelo de residencias públicas para garantir o dereito a unha vellez digna.
Presas, durante o encontro, escoitou os problemas dos pensionistas, así como abordaron as súas necesidades, e trasladou as propostas do BNG que porán en marcha após o 18F no goberno galego. Para a cabeza de lista do BNG por Ourense, é urxente e necesario converter a vellez nun dereito e non nun negocio. Por iso, Presas chama a mobilizarse ante esta oportunidade histórica que se presenta nos comicios galegos.
O SERGAS do Benestar
Presas avanza a creación dun auténtico Servizo Galego do Benestar, organismo que viría a xogar un papel similar ao do SERGAS mais no ámbito dos servizos sociais garantindo a xestión pública dos mesmos “a comezar polas residencias da terceira idade, centros de persoas con discapacidade, centros de día e Servizo de Axuda no Fogar (SAF)”. A atención á terceira idade ou ás persoas con discapacidade, é un servizo público que debe ser xestionado integramente pola Xunta de Galiza rematando co actual esquema perverso de mercantilización e privatización directa ou indirecta.
Envellecemento: logro e reto colectivo
“Ourense poboación máis avellentada do País e entendemos que o problema é que a xente nova marche. É un logro colectivo gañar anos mais tamén supón un reto, nunca un problema. Nós queremos camiñar cara a un novo modelo de coidados que responda á realidade actual poñendo as persoas e as súas, nosas, necesidades” asegura Presas.
Neste senso, o BNG impulsará un novo modelo de residencias onde se contemple un límite de prazas en cada residencia, con novos criterios para o cálculo de rateos de persoal e un modelo de atención centrado nas persoas.
“Aprobaremos o Mapa Galego de servizos sociais que inclúa o estabelecemento de criterios de dotación de centros e de servizos en todo o territorio galego así como dun catálogo de servizos sociais que recolla o conxunto de intervencións, programas, servizos e prestacións” subliña a cabeza de lista.
Combater o empobrecemento dos máis maiores e exercer o autogoberno
“En 14 anos de goberno do Partido Popular á fronte da Xunta de Galiza, non empregaron o autogoberno nin para paliar a suba dos prezos das e dos pensionistas. En 14 anos só subiron unha vez as pensións non contributivas e un total dun euro” critica Presas. Fronte a este modelo, o BNG avanza o incremento inmediato das pensións non contributivas en 100€ “exercendo o autogoberno” mais tamén sinala que “unha presidenta como Ana Pontón terá as mans libres para exixir ao Goberno do Estado que incremente as pensións mínimas, predominantes en Ourense”.