Noa Presas: “Os orzamentos demostran que a Xunta carece dun modelo produtivo innovador e de futuro”
- As contas da Consellería de Industria descenden un 9% e consolidan o déficit inversor en I+D+i, pese a ser clave para a recuperación económica
A portavoz parlamentaria de Industria, Noa Presas, foi crítica coa explicación das contas públicas que fixo o conselleiro de Industria ao considerar que as cifras presentadas por Francisco Conde no Parlamento “revelan que a Xunta non ten interese en apostar en serio por un modelo produtivo innovador e de futuro” e, “máis alá dos titulares, deixan ás claras que falta estratexia para o sector”.
A deputada fixo fincapé na caída nun 9% do orzamento da Consellería e no feito de que o investimento en I+D+i, -“clave para a recuperación económica e a creación de emprego”-, consolida o seu déficit en relación á media estatal e europea ao situarse por debaixo do 0,9% do PIB galego. O BNG propón duplicar esta partida ata elevala ao 306 millóns de euros. Ademais, denunciou “a fuga de cerebros” nun país marcado pola emigración masiva de xente moza, a maioría con formación superior.
Presas tamén puxo encima da mesa os reiterados incumprimentos en relación ao sector naval, e a perda de 3.000 empregos e a marcha de 30 empresas cara a Portugal no sector da automoción, “máis que industria 4.0 habería que rebautizalo como fuga 4.0”, lamentou. Neste sentido, a deputada afeoulle ao conselleiro Conde que desde a Xunta “se regale diñeiro sen poñer control a empresas que terminan por deslocalizar a produción como no caso do automóbil”.
O BNG tamén reclamou unha “maior ambición e concreción” na loita contra a pobreza enerxética e criticou a falta de apoio á economía social, que plasma un exiguo incremento do 1,4% no orzamento de 2017. O sector do comercio queda lonxe de recuperar os recursos consignados en 2009, mentres que a artesanía “continúa a ser unha anécdota”. Igualmente, a deputada nacionalista chamou a atención sobre a caída nun 9% dos fondos á eficiencia enerxética e enerxías renovábeis.
En definitiva, concluíu Presas, “nin recuperación da crise, nin expansividade” nas contas da Consellería de Industria para 2017.