Noa Presas: “Os orzamentos castigan Ourense e é responsabilidade compartida de todas as forzas estatais”
Para o BNG estes orzamentos son a demostración de que as forzas de obediencia estatal non son útiles para Ourense, desminte que sexan sociais e denuncia o nulo peso político da tríada Vázquez-Baltar-Feijoo e de que o pacto Sánchez-Iglesias non rectifique a liña de Rajoy.
O BNG valorou hoxe os Orzamentos do Estado para as comarcas de Ourense da man da deputada no Parlamento Galego Noa Presas quen os cualificou “dun auténtico golpe que demostra que o cambio de goberno en Madrid non trouxo un cambio de actitude das forzas estatais -sen excepción- para con Ourense cun recortazo do 19% que paraliza proxectos e non permite novidades que impulsen unhas comarcas que lideran dos peores salarios e pensións do estado e unha situación económica grave na que hai pouco e mal traballo e unha desaceleración económica innegable”.
Presas sinalou “a ausencia dunha forza política propia e sen ataduras coma o BNG para condicionar a actualidade política e as decisións económicas” e amosou a súa “sorpresa” de que “agora PP e En Marea-Podemos se fagan os indignados cando a responsabilidade é compartida, do PP por facer o mesmo anteriormente, do PSOE por non dar un cambio de políticas e de Podemos e En Marea por telos negociado”.
Entre as principais deficiencias Presas sinalou que “os problemas de Ourense non acaban nin comezan no AVE, que ademais é unha infraestrutura non exclusivamente ourensá, que acumula incumprimentos e atrasos e é unha desculpa de mal pagador pretender que nos conformemos con que sexa o groso do Orzamento cando falta por exemplo unha aposta polo tren de proximidade” e sinalou a súa preocupación xa que “ Conxélanse os novos proxectos viarios que conectan Ourense con Lugo e Valdeorras, que seguirán sen facerse, e non hai unha aposta por mellorar a rede actual (N120 e A52 sobre todo) malia o seu deplorable estado e que este ano aumentaron as vítimas de tráfico.
Para o BNG é sintomático da falta de cambio político que “vaia continuar o abandono dos ríos ourensáns ao non haber un incremento substancial nas partidas de eixos como a Confederación Hidrográfica Miño-Sil. As promesas de recuperación de ríos coma o Barbaña fican en papel mollado” e que unha vez máis haxa “Cero proxectos para Ourense nas áreas de Industria, Economía e Competitividade e se renuncie a impulsar un polo industrial no Sur”
Avance de campaña social contra o abandono á cidade de Ourense liderada por Seara
Sobre a cidade, Presas avanzou que o BNG presentará unha campaña social específica e que se achegarán aos barrios da man do candidato á alcaldía, Luis Seara, para dar conta á veciñanza das ausencias e trasladar propostas concretas “vemos recursos pantasma para o Arqueolóxico
e desaparecen proxectos comprometidos como o de Taráscón e Ramón Puga, imprescindíbeis para a cidade de Ourense, tampouco é permisible a ausencia de Abastos 1”
A falsidade duns orzamentos sociais
Presas sinalou que “É falso que sexan os máis sociais, por poñer dous exemplos: nin garanten un xulgado exclusivo de violencia machista nin a devolución a Galiza da débeda de 180 millóns en materia de dependencia”
Para o BNG estes orzamentos son a demostración de que as forzas de obediencia estatal non son útiles para Ourense, desminte que sexan sociais e denuncia o nulo peso político da tríada Vázquez-Baltar-Feijoo e de que o pacto Sánchez-Iglesias non rectifique a liña de Rajoy.