Noa Presas “ Os Orzamentos de 2018 non frean os recortes nos servizos públicos e inciden na precariedade”

Noa Presas

Criticou a falta de medidas para incentivar os sectores produtivos, blindar os servizos públicos e  a falta de políticas para xerar emprego de calidade

A portavoz de Facenda do BNG, Noa Presas afirmou hoxe, trala presentación das contas da Xunta para o ano 2018, que estamos ante “un proxecto irresponsable” e  cunha liña continuista que nos levará a “un crecemento de cristal” coa precariedade como denominador común.

Para a nacionalista, o proxecto do Partido popular utiliza como punto de partida, un “marco centralista” que imposibilita exercer o noso autogoberno, impide contrarrestar os recortes acumulados sobre os servizos públicos para blindalos e impide incentivar os  sectores produtivos e a economía galega.

GASTO NON FINANCEIRO

Na súa intervención, Noa Presas indicou que a partida para o gasto non financeiro pasa de 9.222 M€ a 9.487, coa intención de “vender unha expansividade” que ao seu xuízo, non deixa de ser “unha interpretación hiperbólica” porque o incremento é menor aos anos 2015 e 2016, achegándonos a niveis previos á crise pero de maneira modera para compensar dúas lexislaturas e un “cuarto de recortes”.

TEITO DE GASTO

A este respecto afirmou que o Estado impón un teito de gasto que limita a capacidade do Goberno galego e, de maneira unilateral, fixa o gasto e o déficit impedindo que o autogoberno decida as nosas prioridades. “Estes orzamentos evidencian de novo a insuficiencia do sistema de financiamento e como a nosa relación económica co Estado está nas antípodas de ser quen de fornecer os nosos servizos elementais de capacidade económica”, reiterou.

Presas, dirixíndose ao titular de Facenda, Valeriano Martínez recalcou que  a contía que achega o sistema de financiamento segue a ser inferior á do ano 2009, case “unha década despois”, o que evidencia un modelo inxusto sobre o que vostedes nin sequera queren debater e demostra o “seu fracaso como gobernantes”.

CRECEMENTO DE  CRISTAL

Hai outra cuestión que para as nacionalistas é clave: “malia a mellora das magnitudes globais, as súas decisións orzamentarias van na dirección contraria ao que precisa este país, asentando un crecemento de cristal que é fráxil e que deixa moitos sectores e moitos galegos e galegas atrás, estabelecendo prioridades que nos apartan dos obxectivos de xustiza social”.

PIB

Os orzamentos contemplan un incremento do PIB do 2,5% para o 2018, un incremento, explicou a deputada, “menor que o previsto para o presente ano, que se estima nun 3,1%,” o que incide na desaceleración desa suposta expansividade. Ademais, cómpre sinalar que un ano máis é precisamente a compoñente que depende da Xunta de Galiza e do Goberno do Estado, “consumo final das administracións públicas” a que presenta unha das menores previsións de crecemento con respecto ás outras compoñentes, cun crecemento do 1,7%  eso o consumo dos fogares é menor, cunha previsión do 1,4%.

EMPREGO

Os orzamentos sitúan no 14,2% a taxa de paro para o 2018 pero o  relevante é que se cree emprego neto, pois de nada vale que diminúa a taxa de desemprego se é provocado pola redución da poboación activa que está en paro, por exemplo a través da emigración. Estímase que o emprego neto medrará un 1,7%, pero o propio Informe Económico Financeiro recoñece, outro ano máis, que diminuirá a poboación activa.

A este respecto salientou o grave problema da emigración e de como os orzamentos camiñan na dirección contraria. “ Dende o 2009 emigraron un total de 237.356 persoas e en todos os anos posteriores rexístrase un número de emigrantes maior ao do 2009”.

Por outro lado, Presas tamén criticou a propaganda  do Partido popular  sobre o “reequilibrio territorial” do que dixo, lonxe dos titulares, vostedes seguen consolidando unha Galiza de súas velocidades nas que  “Lugo e Ourense imos á cola”. Estas dúas provincias non chegan “nin  a metade” da inversión das provincias atlánticas, afirmou.

INGRESOS

En canto ao capítulo de ingresos,  o BNG lamentou  que un ano máis o Goberno galego renuncie  avanzar na xustiza e equidade fiscal para  obter maiores recursos e  afrontar políticas máis ambiciosas.

É preciso abordar unha “reforma fiscal” que dote de maior progresividade ao IRPF, que baixe o mínimo exento e introduza maior progresividade no Imposto de Patrimonio, así como  crear impostos propios con criterios de equidade. Sobre a débeda pública, Noa Presas lembrou que está en “máximos históricos”.

A parlamentaria concluíu a súa intervención criticando o incremento da colaboración público-privada e o desmantelamento dos servizos públicos.